Chelo Loureiro –produtora, delegada de CIMA en Galicia e socia da Academia- escribiu un artigo para o anuario Papeis da Academia 2013-2014 co gallo da rodaxe e a estrea do documental “O tren da liberdade” sobre as protestas a favor da retirada da lei de Protección á Vida do Concibido e Dereitos da Muller Embarazada.
“E os homes tamén. Estou segura. Aínda que a mobilización partiu de organizacións de mulleres, tal e como puidemos comprobar na manifestación do 1 de febreiro que tivo por obxectivo pedir no Congreso de Deputados a retirada da lei de Protección á Vida do Concibido e Dereitos da Muller Embarazada, a cantidade de homes foi dabondo ilustrativa como para comprobar que estamos a falar dun problema que nos afecta a todos por igual, aínda que por razón obvias da bioloxía, sexamos as mulleres quen sufrimos con máis dureza as consecuencias.
Dende o primeiro momento, no mes de decembro de 2013, no que Gallardón nos sorprendeu co borrador da nova lei do aborto, as voces contra este anteproxecto foron moitas e atronadoras. Do mundo da cultura partiron multitude de protestas. De Europa e do resto do mundo tamén chegaban manifestacións alporizadas. Pero foron dúas organizacións de mulleres de Asturias: “Tertulia Feminista Les Comadres de Gijón” e “Mujeres por la Igualdad de Barredos” as que tomaron a iniciativa de bloquear 150 prazas no tren que partía de Xixón o 31 de xaneiro para participar na manifestación do día 1 en Madrid coa intención de entregar unha carta no Congreso de Deputados. En pouco menos de 10 días esgotáronse as prazas, tendo que alugar autobuses para poder trasladar a todas as mulleres e homes que decidiron adherirse ao que bautizaron como O TREN DA LIBERDADE.
Pilar Aguilar, analista e crítica de cine andaluza, desde o París onde reside, foi a primeira en preguntarse se as cineastas non deberiamos documentar en imaxes uns acontecementos que poderían situar ao noso país á altura de Polonia ou Malta, os menos avanzados da UE en canto a dereitos sexuais e reprodutivos. Colocarnos de novo nos anos 80, onde semanalmente partían tres avións a Londres cargados de mulleres que non viaxaban por motivos turísticos precisamente, senón a abortar. Mulleres privilexiadas –me permito utilizar este calificativo só dende o punto de vista económico- que podían financiar viaxe e clínica, porque a meirande parte dos abortos se facían en espazos clandestinos en España ou Portugal, tan sórdidos coma ausentes de condicións mínimas de atención médica, con terribles consecuencias para as mulleres tanto físicas coma psicolóxicas.
A partires da chamada de Pilar comezamos, desde toda a xeografía española, a ofrecer a nosa colaboración. Cada unha responsabilizándonos da tarefa na que nos sentiamos competentes. Directoras, sonidistas, cámaras, guionistas, produtoras, editoras, montadoras… de tódolos recantos saían profesionais dispostas a adherirse na medida das súas posibilidades, i en menos dunha semana estabamos reuníndonos para organizar dun xeito profesional a produción do documental YO DECIDO. Eramos máis de oitenta.
Tamén a sociedade en xeral ía adheríndose á mobilización e ao Tren da Liberdade sumábanse en menos dunha semana oito Comunidades Autónomas e máis dunha trintena de cidades. Mulleres e asociacións de toda Europa denunciaban o retroceso que significaría para a UE a aprobación desta lei en España e deciden manifestarse o mesmo día 1 en apoio a todas nós. París, Amsterdam, Edimburgo, Roma, Bruxelas, Istambul, Alemania… mesmo en Quito e Bos Aires son algunha das cidades e países que organizan marchas secundadas por milleiros de persoas clamando contra esta regresión á que conduciría o anteproxecto de lei. E alí estarán tamén mulleres cineastas tomando rexistro gráfico do que acontece.
Paralelamente, van xurdindo iniciativas de todo tipo, desde un manifesto asinado por 1.375 mulleres do mundo Académico, da Cultura e as Artes que esixen a retirada do Anteproxecto de Gallardón por lesionar a soberanía da muller ante o seu corpo e a capacidade de elixir libremente as decisión sobre maternidade e autonomía moral, base da dignidade nun estado de dereito; até a decisión de centos de mulleres de acudir aos Rexistros da Propiedade das súas localidades a rexistrar os seus corpos como propios. Tamén colectivos de homes e mulleres acoden a comisarías de policía a autoinculparse como abortistas, todos con grandes carteis anunciando “Eu tamén abortei”.
En xeral, as críticas converxen no mesmo punto, o de non poder tolerar que se nos converta en menores de idade impoñendo principios ideolóxicos particulares e aplicando sancións penais ao converter en delito os dereitos. E son estas declaracións pronunciadas por moi diferentes persoas ou entidades as que pensamos era imprescindible recoller no documental.
Desde Galicia foi a Asociación Vela-luz, comprometida co apoio a mulleres vítimas dos malos tratos e violencia de xénero quen organizou a reserva de prazas nos trens. Até a súa sede acudiron as directoras Manane Rodríguez e Sonia Méndez a rodar os preparativos con Iria Castro como axudante.Tamén viaxaron no tren a Madrid.
As produtoras tratamos de organizar a produción en canto equipos humanos: de guión, de rodaxe, de son, de montaxe, de comunicación… a falta de recursos económicos era o principal escollo debido a custes inevitables tanto de materiais como de dereitos. CIMA, como asociación que leva a iniciativa, responsabilízase de abrir unha conta onde recibir donativos e de centralizar a comunicación e prensa,
Xerar uns protocolos de traballo que permitiran un mínimo de fluidez ante os dezanove equipos de rodaxe que se formaron foi a primeira das misións. A diversidade de equipamento técnico cos que contabamos suporía a xeración de arquivos que haberían de ser convertidos a outros formatos, tarxetas de memoria e baterías que puideran substituírse en diferentes puntos da marcha. Distintivos para todas as cineastas que axudasen a localizarnos entre nós mesmas e de cara a que os manifestantes en xeral coñeceran e respectaran o noso traballo…
Comezamos por solicitar os permisos para rodar en cada unha das estacións e mesmo nos vagóns, aproveitando a viaxe para recoller os motivos que levaban a cada unha das persoas a acudir á manifestación. Pouco a pouco, desde Galicia, Andalucía, Cataluña, Euskadi, Valencia… iamos comunicando que Renfe nos denegaba os permisos baixo a escusa de non permitir actos políticos nin relixiosos. Tomamos a decisión de rodar a pesar de todo. Resultou incriblemente alentador ser recibidas en algunhas estacións por encargados da seguridade que nos escoltaban para asegurar que puidésemos traballar sen problemas, pois tamén eles se consideraban agredidos.
Cada pouco, ían chegando vídeos de todas partes, desde todo tipo de colectivos. Algúns divertidos coma o dunhas francesas ensaiando a canción “El Chachachá del tren”. Moitos conmovedores, de mulleres case anciáns explicando os seus motivos para non tolerar revivir paisaxes dolorosas, pero agora coas súas netas como protagonistas.
EUROPA TAMÉN SUBÍU AO TREN
No Reino Unido, o movemento My belly is mine -A miña barriga é miña- organizou para o mesmo día 1 de febreiro en Londres unha viaxe en tren simbólica de dous minutos entre as estacións de Charing Cross e Waterloo East, para apoiar ás mulleres españolas. Como símbolo da súa campaña adoptaron unha percha decorada e convidaron a todo o que quixera asistir a decorar as súas propias perchas e levalas á protesta, dado que as perchas son un símbolo de loita polo aborto legal porque era o instrumento utilizado por moitas mulleres para interromper os seus embarazos, o que lles provocaba tremendas hemorraxias e danos, e en moitos casos a morte. Concentradas ante o Hungerford Bridge, ataron as perchas ás barandillas da ponte.
Francia acolleu tamén varias concentracións de apoio ao Tren da Liberdade en Nantes, Burdeos, Marsella…, a máis numerosa en París, onde máis de 80 organizacións feministas, de defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos, así como colectivos de gais e lesbianas, marcharon até a embaixada francesa para dicir «Non á regresión dos dereitos das mulleres españolas».
Unha quincena de organizacións feministas italianas asinaron tamén un manifesto de apoio ás «as mulleres españolas e de rexeitamento á proposta de Gallardón» e o 1 de febreiro concentráronse en Roma. En Ecuador, fronte ao consulado español de Quito tamén houbo unha concentración de rexeitamento ao anteproxecto de lei. En Bruxelas cinco plataformas de ONG entre as que está a Federación Internacional de Planificación Familiar, o Lobby Europeo de Mulleres ou Dereito ao Aborto, que agrupa a unha trintena de entidades, tamén convocaron unha marcha até a embaixada española.
A MARCHA
A manifestación resultou tan pacífica coma reivindicativa, con ducias de miles de persoas de tódalas idades –familias enteiras na rúa- chegando por tren a Atocha e por autobuses de toda España, clamando dun xeito contundente o seu rexeitamento a esta acción do goberno e esixindo a súa retirada. Non faltaron grupos que cun ton moi festivo animaron o traxecto até as Cortes. Todos pedindo que a actual lei de prazos seguise en vigor pola eficacia de leva demostrado e o consenso xerado entre todos os cidadáns desde que se promulgou até hoxe.
O traballo das cineastas no momento en que escribo estas liñas segue en marcha coa intención de facer unha estrea en toda España o día 10 de xullo, gratuíta e, a ser posible, seguidas dun coloquio. En Galicia estrearemos con seguridade en A Coruña, Lugo, Santiago, Ferrol e Vigo. Gustaríanos facelo en moitas máis vilas ou cidades, pero non sei se chegaremos. Tampouco resulta moi doado atopar espazos públicos cando pertencen a cidades ou comunidades rexidas por gobernos do partido político que apoia este proxecto de lei. Esta é outra das batallas que temos pendentes, que os partidos políticos entendan que o público é do Estado, de todos os cidadáns e non das súas siglas por estaren gobernando.
Grazas a ter participado neste traballo en equipo e na impresionante mobilización, teño máis presente o que a cidadanía podemos chegar a conseguir cando sumamos o esforzo e o talento de todos e todas”.