“AS LÚAS DE AMAL”: CINE ÁRABE TODOS OS MESES EN SANTIAGO

18 / 02 / 2010

O Director do Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal, Ghaleb Jaber Martínez, e a coordinadora do mesmo, Uxía Caride, presentaron esta mañá no Salón Rahid do Hotel Meliá Araguaney de Compostela unha iniciativa que nace, ao amparo do Festival, para traballar na difusión do cine árabe ao longo de todo o ano: As Lúas de Amal.

A proposta consiste na proxección gratuíta de películas que xa foron exhibidas en edicións anteriores de Amal, o último luns de cada mes. A cita será ás 22:00h no Salón de Actos do Hotel Meliá Araguaney e inaugurarase o vindeiro luns 22 de febreiro coa proxección da longametraxe Le grand voyage, do director Ismaël Ferroukhi. A programación desta actividade, será elixida polo público que poderá votar a través da páxina web do Festival entre diversas opcións. A película con máis votos, será proxectada na seguinte sesión.

Na rolda tamén se anunciou un novo proxecto organizado dende o Festival para promocionar a cultura árabe a través do cine, As Mostras Amal. Esta iniciativa consiste en ofrecer a entidades ou institucións a posibilidade de programar ciclos de películas que foron exhibidas no Festival. Os interesados disporán dun amplo catálogo ao que poderán acceder a través da web www.muestrasamal.jimdo.com.

Categoría: Noticias
Etiquetas: