- O CGAI acolle esta semana na Coruña as proxeccións das obras vencedoras na última edición dos premios da Academia Galega do Audiovisual
- As proxeccións, libres e gratuítas ata completar aforo, adiántanse á chegada de Dhogs, A batalla descoñecida, Peter Brandon e A estación violenta aos cinemas de toda Galicia
Na presentación deste ciclo de proxeccións, que tivo lugar esta mañá no propio CGAI, o director da AGADIC, Jacobo Sutil, apuntou que “con elas péchase o círculo que comezou coa celebración dos Mestre Mateo e visibilízase ás pezas premiadas no CGAI, unha institución con ampla e variada programación, e ademais, arredor do día das Letras Galegas». Mentres que Olga Osorio, da directiva da AGA, explicou que «estas proxeccións forman parte da pretensión da Academia por amosarlle ao público e ao mundo o audiovisual galego», os representantes das obras premiadas concordaron na importancia dos premios de cara á visibilización das súas obras.
Paula Cons -directora do documental A batalla descoñecida– destacou que «para nós, o efecto que ten os Mestre Mateo é enorme», co que estivo de acordo Eli Monteagudo -produtora da serie web Peter Brandon– ao relatar que «gañar o premio permitiu facer visible o noso traballo e acadar fondos para poder asegurar a rodaxe dunha segunda tempada». O realizador Manu Viqueira -gañador do Mestre Mateo ao mellor videoclip por Troubled Times– tamén anotou en relación a este tema que «agora, e tras ver Troubled Times, grupos como La Pegatina chámanme para que lles faga un videoclip con ton reivindicativo».
Fernanda Tabarés -directora de Voz Audiovisual- e Suso López -produtor de Dhogs– celebraron a oportunidade de poder amosar as súas obras na pantalla grande ante un público con especial sensibilidade ante o cinema. Se para Tabarés, «a posibilidade de que os espectadores de Serramoura poidan vivir a experiencia de ver a serie en pantalla grande é interesantísima», López amosou a súa ledicia ao «poder proxectar o filme no CGAI antes de comezar coa andaina nas salas comerciais porque o que precisan as nosas obras é público».
Abrirá o programa de proxeccións, mañá martes 15 ás 20h30, Dhogs, a opera prima de Andrés Goteira que acaparou 13 Premios Mestre Mateo e se converteu na produción máis votada da historia dos premios da Academia Galega do Audiovisual. Conquistou os galardóns á mellor longametraxe e mellor guión, dirección e montaxe para o meirense, que comparte a última con Juan Galiñanes. As e os académicos recoñeceron tamén a interpretación protagonista de Melania Cruz e de Iván Marcos e a interpretación de reparto de María Costas e Antonio Durán “Morris”. Ademais do pleno nas categorías interpretativas, Dhogs gañou tamén os premios á mellor dirección de produción para Suso López, dirección de fotografía para Lucía Catoira Pan, música orixinal para Germán Díaz, dirección de arte para Noelia Vilaboa e son para David Machado e Javier Pato.
O mércores 16 haberá sesión dobre. Ás 18h, proxectaranse Matria, Mellor curtametraxe; The Neverending Wall, Mellor curtametraxe de animación e Troubled Times, Mellor videoclip. E ás 20h30, A batalla descoñecida, outra ópera prima, neste caso dirixida por unha muller, Paula Cons, que gañou o premio ao mellor documental.
O venres 18 tamén haberá sesión ás 18h, de Serramoura, que acadou por cuarto ano consecutivo o premio á mellor serie de TV; e ás 20h, de Peter Brandon, Mellor serie web. Os creadores desta última -Pedro Brandariz, Jorge Boquete e Óscar Cruz- convidan a asistir despois a unha pinchada no Bristol Bar.
Martes 15
20h30. Dhogs. Mellor longametraxe, mellor guión, mellor dirección e mellor montaxe para Andrés Goteira, que comparte o último con Juan Galiñanes. Mellor interpretación protagonista para Melania Cruz e Iván Marcos. Mellor interpretación de reparto de María Costas e Antonio Durán “Morris”. Mellor dirección de produción para Suso López, mellor dirección de fotografía para Lucía Catoira Pan, mellor música orixinal para Germán Díaz, mellor dirección de arte para Noelia Vilaboa e mellor son para David Machado e Javier Pato. Coa presenza de Suso López, Sara Horta e Melania Cruz.
Mércores 16
18h00
Matria. Mellor curtametraxe. Coa presenza de Álvaro Gago e dunha das actrices protagonistas.
The Neverending Wall. Mellor curtametraxe de animación. Coa presenza de Nani García.
Troubled Times. Mellor videoclip. Coa presenza de Manu Viqueira.
20h30. A batalla descoñecida. Mellor documental. Coa presenza de Paula Cons.
Venres 18
18h00. Serramoura. Mellor serie de televisión
20h30. Peter Brandon. Mellor serie web. Coa presenza de Pedro Brandariz, Jorge Boquete e Óscar Cruz. A partir da 1h da mañá haberá Porco Bravú DJ set no Bristol Bar.
DESEMBARCO NAS SALAS COMERCIAIS
Dhogs
Cines Duplex (Ferrol) 17M
Multicines Norte (Vigo) 17M
Novocinema (Leiro, Ourense) 17M
Cinema Numax (Santiago) 17M
Cines Viveiro 17M
Cine Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras) 17 e 20M
Cine Seixo (Marín) 17 a 20M
Abella Cines (Lugo) 18M
Cantones Cines (A Coruña) 18M
Zumzeig (Barcelona) 18M
Casa Dopeso (As Pontes) 19 e 20M
Artistic Metropol (Madrid) 25 a 27M
A batalla descoñecida
O 25 de maio, en Numax (Santiago de Compostela)
Peter Brandon Tour
A comedia dos Porco Bravú percorrerá Galicia durante a Semana das Letras Galegas cun mix de proxeccións + DJ set dos creadores da serie.
Mércores 16 ás 20h15 nos Cines Dúplex (Ferrol). Entrada: 3 euros na billeteira. Despois, Porco Bravú DJ set na Sala Súper 8 a partir da 1h.
Venres 18 ás 20h30, no CGAI (A Coruña) coa Academia Galega do Audiovisual. Entrada libre ata completar aforo. Despois, Porco Bravú DJ set no Bristol Bar a partir da 1h.
Sábado 19 ás 20h15, nos Multicines Compostela. Entrada: 3 euros na billeteira. Despois, Porco Bravú DJ set no Matadero Pub a partir da 1h.