A Academia Galega do Audiovisual proxecta no marco da segunda edición do Festival CoruñaFilm, que se celebra os días 30 e 31 de outubro e 1 de novembro no Centro Ágora, o premiado e os finalistas á mellor curtametraxe de imaxe real e de animación dos XII Mestre Mateo e as curtas nomeadas dos VI Premios Gaudí.
O Festival CoruñaFilm inclúe dous novos apartados: “Unha ventá ao cine en curto galego: Premios Mestre Mateo 2014” e “Unha ventá ao cine en curto catalán: Premios Gaudí 2014” onde se levan a cabo as proxeccións de curtametraxes abertas a todo o público. Ademais, na sesión do sábado dedicada ás obras dos premios do audiovisual galego contaremos coa presenza dos curtametraxistas para presentar as súas obras previamente á proxección.
A Academia Galega do Audiovisual colaborou co CoruñaFilm na súa primeira edición celebrada en 2013. Nesta nova edición afiánzase esta relación coa proxección e presentación por parte dos seus creadores das obras de formato curto de ficción dos Mestre Mateo. Deste xeito posibilítase o acceso do público xeral ao visionado dos premios do audiovisual galego e ábrese unha xanela máis á difusión das obras autóctonas.
Pola súa banda, no marco do convenio entre a Acadèmia del Cinema Català e a Academia Galega do Audiovisual, o obxectivo é potenciar a promoción e difusión do traballo dos profesionais do sector tanto de Galicia como de Cataluña, un ano máis, se proxectan o gañador e os finalistas na categoría de Mellor Curtametraxe dos VI Premios Gaudí en Galicia. A Academia Galega do Audiovisual colabora dende o 2010 coa súa homóloga catalana na difusión das súas respectivas cinematografías.
A continuación, relatamos os horarios das proxeccións:
Venres 31 de outubro
18.30h. “Unha ventá ao cine en curto catalán: Premios Gaudí 2014”, coa exhibición do gañador á mellor curtametraxe, Godka Circa (Un burato no ceo) escrita e dirixida por Àlex Lora e Antonio Tibaldi; e as tres finalistas na mesma categoría La gallina, escrita e dirixida por Manel Raga; Sequence, escrita e dirixida por Carles Torrens; e Wings, escrita e dirixida por José Villalobos.
Sábado 1 de novembro
16.00h. “Unha ventá ao cine en curto galego: Premios Mestre Mateo 2014”, coa proxección das curtas de imaxe real 3-1=0, producida por Juan Galiñanes e Olga Osorio en coprodución con Píxel Films, gañadora na categoría; e as tres finalistas Flores para Amalia, de Nani Matos; Idiotas, de Hipotálamo Films; e Real Love, de Píxel Films. A sesión completarana as curtas de animación Aqua, de Algarabía Animación, gañadora; e as finalistas Cousas de Meigas, de Firmist Animación; Pepe, o cancodrilo, de Bruno Martínez Pérez; e Sangre de unicornio, de Abrakam Studio e Uniko Studio Creativo.
Esta xornada contará coa presentación dos curtametraxistas Juan Galiñanes (3-1=0), Nani Matos (Flores para Amalia), Fran Estévez (Idiotas), Gerardo Codesal (Real Love) e Bruno Martínez Pérez (Pepe, o cancodrilo).