Do 22 ao 30 de outubro vaise celebrar na localidade portuguesa de Cerveira e na pontevedresa de Goián (Tomiño) a cuarta edición do Festival de Cinema Galego e Portugués Filminho, organizado pola asociación cultural A Morraceira, no que se exhibirán obras de temática fronteiriza e se homenaxeará ao escritor Eliseo Alonso.
Filminho 2011 abriuse o 22 de outubro, en Cerveira, cunha xornada dedicada ao escritor miñoto Eliseo Alonso, que incluirá unha sesión de poesía e a inauguración dunha exposición fotográfica dedicada a súa figura en Porta XIII. O resto de proxeccións terán lugar na parroquia pontevedresa de Goián, pertencente ao concello de Tomiño, esta fin de semana. En concreto, o venres 28, ás 22:00 horas, nunha sesión titulada «Outras fronteiras: Brasil, Perú e Bolivia», poderase ver no Auditorio de Goián o documental Pachamama.
O sábado 29, na sesión «O nosso tempo: manual de instruções», poderase ver unha selección de filmes e espectáculos que tratan sobre as inestabilidades sociais actuais. Arrincará no Auditorio ás 17:00 horas coos documentais Digna rabia e Deudocracia. A partir das 22:00 horas trasladarase ao Centro Cultural Goianés, onde se poderá desfrutar dunha performance do Colectivo Enfarte, e dun filme-concerto no que La La La Ressonance porá música ao Fausto, de Murnau. Como peche do festival, o domingo 30, no Centro Cultural, ás 16:00 horas, ofrecerase Reciñeira, un espectáculo musical de Esperanza Vázquez, e se poderán ver filmes do obradoiro «As voltas com Rosiña, Miña Gamela».