ARRINCA A CUARTA EDICIÓN DO FESTIVAL DE CINE CENTRIFUGADO E CANALLA DE SADA

1 / 12 / 2011

Once traballos competirán polos galardóns do IV Festival de Cine Centrifugado e Canalla de Sada, que se celebrará na localidade coruñesa do 1 ao 4 de decembro organizado por CCyC Producciones Audiovisuales.

Concorreron á convocatoria do IV Festival de Cine Centrifugado e Canalla 145 curtametraxes, entre os que foron seleccionadas as 11 finalistas. Son The Astronaut on the Roof, de Sergi Portabella, Berlín, de J. Enrique Sánchez, Inmóvil, de Bertoldo Gil, Llama ya, de Jorge Naranjo, Yo soy de amor, de Carlo D’Ursi, Un novio de mierda, de Borja Cobeaga, Bucle, de Aritz Moreno, La media pena, de Sergio Barrejón, Smoking Dead, de Pedro Folla, Un día de playa, de Edu Lavandeira, e Con cara de gilipollas, de Daniel Diosdado e Eva Redondo. Estes traballos exhibiranse o sábado 3 de decembro, ás 21:00 horas, no edificio La Terraza de Sada. Repartiranse catro galardóns, aínda que só un deles con dotación económica: o do público ao mellor traballo, con 500 euros. Os demais, decididos por un xurado, serán o premio á mellor curta en galego, o premio á mellor curta de humor canalla, e o premio á mellor curta centrifugada.

O festival en si arrincará hoxe xoves, 1 de decembro, cunha proxección de curtametraxes contra a violencia de xénero ás 20:00 horas na Casa de Cultura de Sada, en colaboración coa concellaría de cultura, dentro dos actos do día contra esa lacra social. O venres 2, na Terraza de Sada, ás 22:30 horas, presentarase a curtametraxe ¿Dónde estás, Heidi?, de Juan Ramallo, coproducido por CCyC Producciones, a empresa organizadora do festival. O sábado 3 dedicarase á exhibición das curtas a concurso e votación e publicación do palmarés final, e o domingo 4, ás 18:00 horas, farase entrega dos premios e exhibiranse as curtas gañadoras na Casa da Cultura. Tamén se entregará o II Premio Chichi Campos á traxectoria audiovisual canalla. O programa que publica o festival avisa que falta por anunciar a sección Caballero, na que as curtas seleccionadas optarán a unha mención.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: