ARRINCA O CALENDARIO DUNS RENOVADOS PREMIOS DA ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL

11 / 11 / 2014

A Academia Galega do Audiovisual presenta unha nova edición, a XIII xa, dos Mestre Mateo. Unha nova edición que vén acompañada dun profundo esforzo de renovación na principal fiestra da Academia de cara ao público: o recoñecemento  en forma de premios ao talento dos nosos creadores audiovisuais en todas as súas facetas.

 

O prazo para presentar as obras estreadas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano en curso para concorrer aos Mestre Mateo, permanecerá aberto dende hoxe ata o venres, 28 de novembro. En total haberá dezanove categorías ás que poder optar a un Mestre Mateo, catro das cales serán relativas ás obras (longametraxes, documentais cunha duración superior aos 30 minutos, series e programas de televisión) e as quince restantes serán para os profesionais das mesmas.

 

Como dicimos, esta edición dos Mestre Mateo trae novidades. Na última Asemblea da Academia tomáronse algunhas decisións destinadas a adaptar os premios á realidade cambiante do sector, entre as cales a gran novidade é a creación duns novos premios, os Premios Ith.

 

 

Os Premios Ith

 

Ao longo do verán, e coa colaboración dun amplo número de académicos e académicas, realizouse unha análise profunda de todos os aspectos relativos aos Premios Mestre Mateo. O obxectivo foi o de buscar fórmulas para adaptarse aos cambios que o noso sector está a sufrir, e seguir esforzándonos por facer que os premios da Academia sexan un reflexo, o máis vivo posible, da nosa realidade.

 

Co obxectivo de dar resposta a todas as distintas sensibilidades que conviven dentro deste sector, un grupo de traballo da actual directiva elaborou  varias propostas de renovación dos premios da Academia  e a que, finalmente, foi escollida pola Asemblea Xeral, foi a de manter, por unha banda, os Premios Mestre Mateo cun plantexamento de continuidade, mais centrándoos na produción de longametraxes, documentais, series e programas de TV; e, por outra, crear uns premios novos, cun espírito diferente e centrados en todo o talento emerxente que existe en Galicia e en todos os formatos que existen, aparte dos citados, e que en moitos casos non tiñan o seu espazo nos Mestre Mateo.

 

Estes novos premios levan o nome de Premios Ith, en lembraza dese personaxe que, segundo as lendas irlandesas e galega, albiscou un día ao lonxe unha illa que finalmente resultou ser Irlanda, e en contra da opinión de todos -que pensaban que tal illa non existía-, decidiu lanzarse á aventura e coñecela.

 

Na actualidade, desde a Academia estase traballando no desenvolvemento destes premios que terán tres liñas principais: recoñecer o talento emerxente dos novos creadores audiovisuais no máis amplo sentido da palabra; recoñecer a aportación doutras realidades dentro do sector audiovisual como o mundo da crítica, o estudio, a difusión, etc: e por último, recoñecer e poñer en valor o talento existente noutros terreos da creación audiovisual e noutros formatos de menor duración (como curtametraxes webseries, videoclips, pezas promocionais, publicidade, deseño gráfico, videocreación…), que desenvolven unha enorme capacidade creativa e que non sempre tiñan o seu espazo nos Mestre Mateo.

 

Estes premios -que se celebrarán cara ao final do verán e, a poder ser, ao aire libre- queren ser unha festa na que, cunha proposta máis informal, desenfadada e apoiada nas novas tecnoloxías, se dea cabida a outras formas de entender un sector como o audiovisual, que cada día é máis complexo, diverso e plural.

Dende a Academia Galega do Audiovisual animamos a tódolos creadores e produtoras a participar nesta nova edición dos Premios Mestre Mateo e así, entre todos, contribuír á posta en valor dos nosos profesionais e as nosas obras.

 

Tódalas persoas que estean interesadas en participar ou desexen obter máis información poden dirixirse a premios@academiagalegadoaudiovisual.gal, ou aos teléfonos 981 208 393 e 981 227 701.

Etiquetas: