ARRANCA A IV EDICIÓN DO CURSO DE POSGRAO EN COMERCIALIZACIÓN INTERNACIONAL DE CONTIDOS AUDIOVISUAIS (CICA)

24 / 11 / 2010

A IV Edición do Curso de Posgrao en Comercialización Internacional de Contidos Audiovisuais (CICA) arranca o próximo venres 26 de novembro na Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, entidade que xestiona este título propio da Universidade da Coruña. A sesión inaugural correrá a cargo do director do Máster en Dirección e Xestión de Comercio Exterior da Universidade de Santiago (USC), Miguel Ángel Otero, que estará acompañado por María José Arrojo, directora do curso e subdirectora da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre.

O obxectivo de CICA, curso de carácter bienal que organiza o Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA) e o Consorcio Audiovisual de Galicia, é formar axentes de ventas internacionais e preparar aos produtores para que coñezan as especificidades de cada un dos mercados audiovisuais de cine, televisión, animación e novos media –norteamericano, latinoamericano, europeo e asiático–, as tendencias, técnicas de comercio exterior, coprodución, negociación, explotación transnacional e licencias. As clases desenvolveranse ata o mes de xuño durante os fines de semana.

Miguel Ángel Otero impartirá as dúas primeiras sesións de clase os días 26 e 27 de novembro. Otero desenvolveu a súa carreira profesional en empresas de diferentes sectores, como as telecomunicacións (Televés), a alimentación (Donuts-Panrico), a banca (Banco Urquijo), o turismo (Emitour) e a consultaría empresarial (Galexport Consultores Internacionales). Levou a cabo diversos proxectos de consultaría relacionados coa comercialización internacional para máis dun cento de empresas galegas de diferentes sectores produtivos e é autor de publicacións sobre marketing e estratexias internacionais.

O equipo docente de CICA, curso que conta coa colaboración do Instituto de Comercio Exterior (ICEX), está formado por responsables das empresas con maior proxección, tanto de televisión como de cine e novos media. A totalidade dos profesores do posgrao son profesionais que desenvolven o seu traballo no ámbito internacional como axentes de ventas, xefes de adquisicións de canles de televisión, responsables de marketing ou especialistas en lexislación audiovisual e licencias. As clases son eminentemente prácticas, baseadas no análise de casos e de experiencias reais dos contidos punteiros de cada temporada nos ámbitos nacional e internacional.

Os alumnos afianzan os coñecementos adquiridos na aula de formación a través das prácticas, que consisten na asistencia a un dos principais mercados audiovisuais (MIPTV, MIPCOM ou Marché du Film), integrados nos equipos de ventas internacionais.

Categoría: Noticias
Etiquetas: