APROBADAS AS BASES PARA O 17 FESTIVAL DE CINE INTERNACIONAL DE OURENSE

13 / 07 / 2012

O Consello Reitor do Festival de Cine Internacional de Ourense, presidido por Isabel Pérez, aprobou na reunión mantida esta mañá as bases para a competición do 17 Festival de Cine Internacional de Ourense (17OUFF). A maior novidade do certame, que este ano se celebrará do 2 ao 11 de novembro, é que estará dedicado exclusivamente á competición de longametraxes de ficción (de máis de 60 minutos), unha categoría da que o de Ourense é festival de referencia no país. Despois de barallar diferentes modelos de Festival, o 17OUFF opta por este modelo de competición para manter o nivel e a calidade dun evento do que as longametraxes foron sempre o seu buque inginia. Esta reducción de seccións competitivas -en 2011 eran cinco- está motivada a unha optimización de recursos para levar a cabo un Festival que, ao longo do ano, estivo en suspenso pola incerteza económica e xurídica. Do mesmo xeito, as datas de celebración do 17OUFF deben retrasarse para garantir un tempo axeitado para poder levar a cabo todo o traballo previo: convocatoria – recepción – visionado – selección – programación – organización de actividades, por esta orde.

Porén, a chamada para longas na competición non exclúe que, no marco do 17OUFF, se exhiban traballos doutra metraxe, nomeadamente curtas, documentais ou animación, moi presentes até o de agora en Ourense. Iso si, sempre fóra dunha competición oficial que repartirá 23.000 euros en premios.

O prazo de inscrición de películas abrirase este mesmo luns, e manterase aberto até o 24 de agosto vía online. En 2011, a oficina do festival recibíu un total de 177 longametraxes (do total de 2.303 traballos). Unha cifra difícil de igualar para esta edición, aínda que o esforzo de convocatoria estará igualmente dirixido a captar material audiovisual de países de todo o mundo -en 2011 recibíronse traballos dun total de 94 nacionalidades-.

OUFF Escola / Baixo as Estrelas
A maquinaria do 17OUFF ponse en marcha coa apertura do prazo de inscrición para o certame. Pero a oficina do Festival non para de traballar: logo dos ciclos mensuais en colaboración co Cineclube Padre Feijóo, as proxeccións continúan todos os venres de xullo e agosto co programa Baixo as Estrelas, de cine ao aire libre.
Do mesmo modo, o certame audiovisual para escolares OUFF-Escola segue adiante, e en breve ofrecerá os datos de recepción de traballos. A cuarta edición deste concurso será, coma en anos anteriores, unha das citas obrigadas do 17OUFF.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: