ANTONIONI, PROTAGONISTA DO NOVO CICLO DE CINEMA DO CGAI

14 / 12 / 2010

O cineasta Michelangelo Antonioni será o protagonista do ciclo do CGAI que terá lugar os días 14, 15,21 e 22 de decembro. Esta acción conta coa colaboración IVAC-La Filmoteca de Valencia, Zinebi, Filmoteca de Catalunya, Sa Nostra, Cinemateca UGT e Filmoteca de Cantabria.

O apaixonante proxecto de exploración do home moderno emprendido na súa traxectoria polo autor de La aventura (1960) e Blow-up (1966) atopa un apropiado complemento nas súas imaxes filmadas con natureza documental. Xa El grito (1957) co seu evidente trasfondo real traía lembranzas dos primeiros traballos de Antonioni –en particular a curtametraxe Gente del Po (1943-1947), localizadas ambas no val do Po-, contribuíndo a crear unha xeografía asimilada como manifestación anímica interna do pesar do protagonista, tratado como un espazo en movemento, sen distinción coas formas, volumes ou liñas figurativas que o acompañan, en plena sintonía coa precariedade que posuirán sempre as figuras humanas de Antonioni, unha correspondencia lóxica cos baleiros, tempos mortos e inacabamentos que conforman todo o seu universo.

O ciclo Antonioni Documental, promovido por Daniela Aronica, abarca catro sesións, unha dedicada aos primeiros documentais, a maioría previos á súa estrea na ficción coa longametraxe Crónica de un amor (1950) que comprende os traballos Gente del Po, N.U. Nettezza Urbana (1948), L’amorosa menzogna (1949), Superstizione (1949), Sette cane, un vestito (1949), La villa dei mostri (1950), Vertigini (1950) e Tentato suicidio (1953), episodio da película colectiva L´amore in cittá formulado como un filme-enquisa en torno a superviventes de tentativas de suicidio. Outra sesión estrutúrase cos documentais dirixidos polo cineasta italiano nos últimos anos: Ritorno a Lisca Bianca (1983), Fotoromanza (1984), Khumbla Mela (1989), Roma 90 (1990), Noto Mandorli Vulcano Stromboli Carnevale (1992), Sicilia (1997) e o autorretrato La mirada de Michelangelo (2004). Dous achegamentos doutros (Enrica Antonioni, e un fiel colaborador, Carlo di Carlo) máis a súa viaxe á China de Mao en 1972 (Chunk Kuo-China) completan este ciclo imprescindible, análise da produción máis descoñecida dun dos pais da modernidade fílmica.    
 

MARTES 14 DE DECEMBRO (20 HORAS):

CHUNG KUO-CINA / [CHUNG KUO-CHINA]
(Italia, 1972)
Dirección: Michelangelo Antonioni. Guión: Michelangelo Antonioni e Andrea Barbato. Produción: RAI, SACIS. Fotografía: Luciano Tovoli. Duración: 217 minutos.
Monumental documental sobre a China maoísta de inicios dos anos setenta. 

MÉRCORES 15 DE DECEMBRO (18 e 21 horas):

Curtametraxes documentais 1983-2004:

RITORNO A LISCA BIANCA
(Italia, 1983)
Dirección e guión: Michelangelo Antonioni. Produción: RAI 3. Fotografía: Carlo Di Palma. Duración: 10 minutos.
Antonioni regresa vinte e catro anos despois aos lugares onde filmou La aventura. 

FOTOROMANZA / [FOTONOVELA]
(Italia, 1984)
Dirección e guión: Michelangelo Antonioni. Duración: 4 minutos.
Videoclip para a canción Fotoromanza de Gianna Nannini.

KHUMBLA MELA
(Italia, 1989)
Dirección: Michelangelo Antonioni. Produción: Enrica Fico Antonioni. Duración: 18 minutos.
Antonioni, convidado por Indira Gandhi, filma a Khumbla Mela, a festa relixiosa máis importante da India, que acontece cada doce anos, con miles de fieis rezando e bañándose no Ganges para purificar as súas almas.

ROMA 90
(Italia, 1990)
Dirección e guión: Michelangelo Antonioni. Produción: Recta Film para o Istituto Luce e o Ministero Del Turismo e dello Spettacolo. Fotografía: Carlo di Palma. Duración: 9 minutos.
Curtametraxe realizada no marco da serie “12 autores para 12 cidades”, con motivo do Mundial de Fútbol de 1990.

NOTO MANDORLI VULCANO STROMBOLI CARNEVALE
(Italia, 1992)
Dirección: Michelangelo Antonioni. Produción: Franco Gonella para Enel. Fotografía: Felice De Maria. Duración: 11 minutos.
Cinco momentos, cinco miradas de Antonioni en torno a Sicilia: un regreso a Noto, unha das localidades de La aventura; unha inquietante visión dos volcáns de Stromboli e Vulcano; as imaxes doces e relaxantes das amendoeiras en flor nos outeiros de Noto; o entroido de Acireale.  

SICILIA
(Italia, 1997)
Dirección: Michelangelo Antonioni. Produción: Michelangelo Antonioni, Enrica Fico Antonioni. Fotografía: Maurizio Dell’Orco. Duración: 9 minutos.
Sicilia vista por Antonioni.

LO SGUARDO DI MICHELANGELO / [A MIRADA DE MICHELANGELO]
(Italia, 2004)
Dirección e guión: Michelangelo Antonioni. Produción: Istituto Luce, Lottomatica. Fotografía: Maurizio Dell’Orco. Duración: 18 minutos.
Durante uns 20 anos, Antonioni entra periodicamente na igrexa de San Pietro en Vincoli para contemplar extasiado a obra mestra de outro Michelangelo: o Moisés, que forma parte do grandioso monumento funerario de Julio II. 

MARTES 21 DE DECEMBRO (18 e 21 horas):

Curtametraxes documentais 1943-1953:

GENTE DEL PO
(Italia, 1943-47)
Dirección e guión: Michelangelo Antonioni. Produción: Artisti Associati e ICET. Fotografía: Piero Portalupi. Duración: 9 minutos.
Retrato dos habitantes do val do Po, onde o río é un protagonista máis.

N.H. NETTEZZA URBANA / [LIMPEZA URBANA]
(Italia, 1948)
Dirección: Michelangelo Antonioni. Produción: ICET. Fotografía: Giovanni Ventimiglia. Duración: 12 minutos.
Un día en Roma a través do traballo dos servizos de limpeza.

L’AMOROSA MENZOGNA / [A MENTIRA AMOROSA]
(Italia, 1949)
Dirección e guión: Michelangelo Antonioni. Produción: Edizioni Fortuna Film Roma. Fotografía: Renato del Frate. Intérpretes: Annie O’Hara, Sergio Raimondi. Duración: 10 minutos.
Documental en torno ás fotonovelas, historias de amor narradas a través de fotografías. A primeira hora da mañá, nunha cidade italiana, as revistas chegan aos quioscos e os seus lectores acoden a mercalas. 

SUPERSTIZIONE / [SUPERSTICIÓN]
(Italia, 1949)
Dirección e guión: Michelangelo Antonioni. Produción: ICET. Fotografía: Giovanni Ventimiglia. Duración: 9 minutos.
Antonioni indaga nos antigos rituais de bruxaría nas rexións do Sur de Italia.

SETTE CANE, UN VESTITO / [SETE CANAS, UN TRAXE]
(Italia, 1949)
Dirección e guión: Michelangelo Antonioni. Produción: ICET. Fotografía: Giovanni Ventimiglia. Duración: 9 minutos.
Documental sobre a produción do raión, retrato da actividade dunha fábrica desta fibra sintética na localidade de Torviscosa, construída seguindo os canons fascistas máis estritos.

LA VILLA DEI MOSTRI / [O CASARÓN DOS MONSTROS]
(Italia, 1950)
Dirección e guión: Michelangelo Antonioni. Produción: Filmus. Fotografía: Giovanni De Paoli. Duración: 10 minutos.
Antonioni filma os monstros de pedra que enchen o castelo dos Orsini en Bomarzo (Viterbo). 

VERTIGINE / [VERTIXE]
(Italia, 1950)
Dirección e guión: Michelangelo Antonioni. Produción: Theo Usuelli. Fotografía: Goddofredo Bellisario. Duración: 4 minutos.
Fragmento do documental turístico La funivia del Faloria, que pretende ilustrar o percorrido do teleférico desde o val ata o cume do monte Faloria.

TENTATO SUICIDIO / [INTENTO DE SUICIDIO]
(Italia, 1953)
Dirección: Michelangelo Antonioni. Guión: Michelangelo Antonioni, Aldo Buzzi, Luigi Charini, Luigi Malerba, Tullio Pinelli, Vittorio Veltroni e Cesare Zavattini. Produción: Marco Ferreri e Ricardo Ghione. Fotografía: Gianni Di Venanzo. Intérpretes: Paolo Pacetti, Lilia Nardi. Duración:  minutos.
Filme enquisa que mediante entrevistas a superviventes de intentos de suicidio pretende explorar a psicoloxía e pensamentos que poden levar á desesperación e ao desexo de morrer. Episodio da película colectiva L’amore in città.   

MÉRCORES 22 DE DECEMBRO (18 e 21 horas):

FARE UN FILM PER ME È VIVERE / [FACER UNHA PELÍCULA PARA MIN É VIVIR]
(Francia-Italia-Alemaña, 1995)
Dirección: Enrica Antonioni. Produción: Arte, Titti Film, Westdeutscher Rundfunk. Duración: 52 minutos.
Documental televisivo sobre o traballo de Antonioni que Enrica Antonioni gravou durante a rodaxe de Más allá de las nubes. Participación de Fanny Ardant, Irène Jacob, o guionista Tonino Guerra e o propio Antonioni.

ANTONIONI SU ANTONIONI / [ANTONIONI SOBRE ANTONIONI]
(Italia, 2008)
Dirección e guión: Carlo di Carlo. Produción: Cineteca del Comugne di Bologna, en colaboración con RAI Teche, RAI Trade e Mediaset. Duración: 55 minutos.
Documental realizado a partires de imaxes de arquivo, sobre todo de intervencións de Antonioni en programas de televisión ao longo de vinte anos. O resultado é un retrato inédito do cineasta que nos devolve as súas palabras e reflexións sobre o cine e a vida. 

Categoría: Noticias
Etiquetas: