AMAL ORGANIZARÁ OBRADOIROS DE CALIGRAFÍA, DANZA E COCIÑA ÁRABE PARA TODOS OS PÚBLICOS OS SÁBADOS 22 E 29 DE OUTUBRO

16 / 09 / 2011

A organización do Festival Amal propúxose mostrar a cultura árabe a través de tódolos sentidos. Por iso, ademáis das sesións de cine habituais, ofrece outro tipo de actividades para tódolos públicos. Desde hoxe mesmo ábrese o prazo para apuntarse aos obradoiros de caligrafía, danza e cociña.

Aprender a escribir o teu nome en árabe, a mover a cadeira como unha auténtica bailarina árabe e a preparar hummus ou falafel, será posible grazas a esta iniciativa de Amal.

Noutras edicións Amal organizou os obradoiros de danza e cociña obtendo un gran éxito de público, tanto pola profesionalidade dos encargados de impartilos, como polos coñecementos adquiridos polos seus asistentes nas clases. Nesta edición engadiuse o de caligrafía, do que se espera sexa un éxito.

Para apuntarse a calquera dos obradoiros simplemente hai que entrar na páxina web do Festival (www.festivalamal.es) e cubrir un formulario de inscrición. Ademais, deberán abonarse 5 euros por persoa para a participación no taller de danza, e 30 euros para poder participar no de caligrafía ou no de cociña. Haberá límite de 20 prazas para o de caligrafía e de 30 para o de cociña. O de danza non ten prazas limitadas.

 

TALLER DE CALIGRAFÍA

Terá lugar o sábado 22 de 10.00 a 14.00 horas e o encargado de impartilo será o arqueólogo sirio e especialista en caligrafía árabe Ihab Ao Oumani. Comprenderá unha parte teórica e outra práctica: corte do Qalam, preparación das tintas e do papel, etc. O material necesario será entregado o mesmo día. Límite de 20 prazas.

TALLER DE DANZA

Os talleres de danza terán lugar os sábados 22 e 29, en horario de 10.30 a 13.00 horas. Estarán impartidos por dúas profesoras e bailarinas de danza oriental: Martha Franco, directora do CENTRO GAIRA en Santiago de Compostela e Mariana Vieira Basso. Serán talleres de iniciación abertos a tódalas persoas interesadas na danza raks sharki. Non hai límite de prazas.

TALLER DE COCIÑA

Os talleres de cociña estarán organizados a modo de masterclass de iniciación: o profesor explicará e cociñará diferentes pratos por día e os alumnos atenderán ás explicacións, ademáis de degustar as distintas receitas. Os obradoiros de cociña terán lugar os sábados 22 e 29, en horario de 10.30 a 13.30 horas. Límite de 30 prazas.

Categoría: Noticias
Etiquetas: