Os vindeiros venres 10 e sábado 11 de maio, dez estudantes da Facultade de Arquitectura trasladaranse á parroquia de Cans para construír coa colaboración dos veciños tres casetas que albergarán servizos do festival. A fabricación destas pezas inscríbese dentro do proxecto Cans Proxecta, unha iniciativa a longo prazo que o Festival de Cans bota a andar este ano e que xira ao redor do mobiliario e a paisaxe urbanística. Con ela preténdese ademais fomentar a colaboración entre profesionais deste ámbito e veciños da parroquia carpinteiros, soldadores, etc.
Esta primeira edición de Cans Proxecta, supón a implicación da Universidade da Coruña, a través do título de Arquitectura de Interiores e da asignatura de Arquitectura Efímera, coordinada polos arquitectos Luciano Alfaya, Patricia Muñiz, Jesús Irisarri e Guadalupe Piñera. O obxectivo desta primeira edición foi proxectar instalacións temporais para dar servizo ás necesidades do festival que, a través da súa ubicación na N-120, axudasen a recuperar a importancia desta estrada como zona de paseo e relación social.
Durante estes dous días, os dez alumnos da facultade traballarán cos organizadores do festival e varios veciños na construción de tres estruturas: un posto de información, outro de venta de entradas e outro de merchandising. Despois dun proceso de deseño, baseado no material existente na zona e varias visitas do alumnado á parroquia, a construción das ‘Casetas de Cans’ farase na casa de Juan Maceira, carpinteiro xubilado, que prestará a ferramenta e o espazo de traballo.
A proposta, que mestura os cines ambulantes cos carros e fai fincapé na importancia das carruaxes no cinema, valerase do seu mecanismo para instalarse en poucas horas na estrada que atravesa Cans e liberala igualmente no remate do festival sen deixar pegada no territorio.
Máis entradas á venda on line ca nunca e sesión matinal o sábado
Esta mañá puxéronse á venta a través de internet 400 entradas para ver as curtas a concurso o sábado 25 de maio, día grande do festival. Ás 9h da mañá activouse na web do festival o sistema de reserva dos 400 packs de entrada + camiseta dispoñibles a través de internet e esgotáronse en 15 minutos.
O resto das entradas para a sesión da tarde, outras 400, poranse á venda o xoves 16 de maio (véspera do Día das Letras) ás 19h no Local Parroquial de Cans, situado no torreiro da parroquia. Aquí cada persoa poderá coller ata dúas entradas, ao prezo de 10 € cada unha. Os que queiran coller entrada + camiseta poderán facelo ao prezo de oferta, 18 € o pack, coa pegata do Can de regalo.
Inauguramos sesión matinal
Por primeira vez, este ano dobráronse as proxeccións cunha sesión matinal o sábado das películas a concurso coa intención de que máis xente poida gozar do Festival de Cans. Das 10 ás 12h e das 13:30 ás 15h, proxectaranse as mesmas curtas que se verán pola tarde. Para esta sección oficial matinal só se porán á venda 130 entradas. Venderanse o xoves 16 de maio (véspera do Día das Letras) ás 19:00 horas no local parroquial de Cans. As entradas da sesión matinal que non se vendan ese día poranse á venda a través da web o luns 20 de maio ás 9:00h.
Hai que lembrar que o 90% das actividades do festival son gratuítas. Os concertos, os coloquios, as proxeccións de longametraxes, as sesións do Jalpón Fri e a Sala Multiusos, os espectáculos do Cans Voulevar, as exposicións e a ruta de sendeirismo, entre outras moitas propostas, non precisan de entrada.
Plan de mobilidade
Ademais, o festival de Cans porá en marcha este ano un plan de mobilidade con tres áreas de aparcamento e o reforzo da liña de autobuses que conecta O Porriño coa parroquia cada 20 minutos. Dende a organización, a policía local e protección civil recoméndase que os que acudan a Cans empreguen estes servizos para facilitar o correcto desenvolvemento do festival.
Ás áreas de parking habilitadas situaranse detrás do restaurante Manolo (a 50 metros da saída 305 da autovía), no restaurante Guanabara (a 100 metros) e no Polideportivo do Porriño (a 500 metros). Desde estes aparcamentos poderase subir e baixar a Cans no autobús do festival, que ten un prezo dun euro e paradas no Porriño, no Hotel Internacional, no restaurante Guanabara e na rotonda da Adroza, en Cans. A estrada permanecerá pechada o venres pola noite e o sábado todo o día, polo que para facilitar o acceso reforzarase a frecuencia da liña de autobuses. Haberá autobuses cada 20 minutos, o venres de 20:00h. a 4:00h. e o sábado de 15:00h a 20:00h e de 21:00h a 4:00h.