A segunda longametraxe de Ángel Santos, “As altas presións”, fará a súa première mundial no BIFF – Festival internacional de cine de Busan (Corea do Sur), que se celebrará do 2 ao 11 de outubro. Competirá na sección Flash Forward, dedicada a cine novo non asiático, na que será a única presenza española, canda a película de Carlos Vermut “Magical Girl”. Na súa 19ª edición, o prestixioso festival de Busan, un dos máis importantes que se celebran en Asia, presentará un total de 314 películas de 79 países de todo o mundo. Entre elas, os últimos títulos de autores como Jean-Luc Godard, Ken Loach, Alain Resnais, Olivier Assayas, David Cronenberg, os irmáns Dardenne, Michael Winterbottom ou Mia Hansen-Løve.
Unha viaxe en torno ao desarraigo (o cinema) e o amor
“As altas presións” está protagonizada por Andrés Gertrúdix (“El árbol magnético”, “La herida”). O seu personaxe, Miguel, viaxa á súa Pontevedra natal coa encarga de rexistrar as localizacións para unha película. Tratará de levar a cabo o seu traballo malia que case sempre prefira gravar a xente coa que se atopa nos distintos lugares, os movementos e os rostros dos seus amigos, os trens pasando ou o mar. A súa viaxe ofreceralle unha nova perspectiva sobre a súa situación e tamén a posibilidade dun novo amor.
O reparto principal da película complétano Itsaso Arana, Diana Gómez, Juan Blanco e Xabier Deive, canda Marta Pazos e Hugo Torres, da compañía teatral Voadora. O filme conta tamén coa colaboración especial do grupo Unicornibot, presente na banda sonora xunto a outros grupos galegos como Fantasmage, Indómitos ou Telephones Rouges. «As altas presións» está producida por Matriuska Producciones e conta co apoio da Televisión de Galicia e da Agadic.
Trátase da segunda longametraxe de ficción de Ángel Santos (Pontevedra, 1976), logo de “Dous fragmentos /Eva” (2010) e dunha destacada produción que vai desde a ficción ao ensaio documental, con títulos como “O cazador”, “Adolescentes”, “Fantasmas #1” e “#2”, “Sara y Juan” ou “Septiembre”, presentes en prestixiosos festivais de cinema de autor e experimental. O seu traballo adoita situarse dentro do chamado Novo Cinema Galego, que está a colleitar éxitos en festivais internacionais grazas a títulos como “Costa da Morte” (Lois Patiño, 2013), “Vikingland” (Xurxo Chirro, 2011), “Arraianos” (Eloy Enciso, 2012) ou “Todos vós sodes capitáns” (Óliver Laxe, 2010).
Logo do seu paso por Corea, “As altas presións” prepara a súa presenza en varios festivais internacionales e prevé a súa estrea en España na primavera do 2015.