ALBERT MAYSLES, LENDA DO CINEMA DIRECTO, VISITARÁ PLAY-DOC

8 / 02 / 2013

A próxima edición de Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui (13-17 de marzo) prepárase para acoller outra lenda viva do cinema de non ficción: o realizador norteamericano Albert Maysles. Albert foi, xunto ao seu irmán David (1932-1987), un dos pioneiros e máximos expoñentes do cinema directo. O movemento, que xurdiu a finais dos 50 e principios dos 60 nos EUA, rompía con todas as tradicións anteriores, aspirando a capturar a realidade de maneira directa, tal e como sucedía.

Neste contexto, os irmáns Maysles crearon unha estética e estilo propios, a medio camiño entre o experimental e o observacional. Os temas que abordaban a miúdo supuñan cuestións controvertidas nunha America materialista: a fascinación polas celebridades, a contracultura, o capitalismo feroz e deshumanizado, ou as relacións familiares. Estes deron como froito obras maxistrais, convertidas hoxe en día en películas de culto, como Grey Gardens (1975), retrato provocador sobre a excéntrica vida das Beales, tía e sobriña de Jacqueline Kennedy Onassis. Salesman (1968), considerada como a quintaesencia do cinema directo, segue o día a día de catro vendedores de biblias a domicilio.

Gimme Shelter (1970) retrata o fin dunha era, a través da xira americana dos Rolling Stones, incluíndo o desastroso e tráxico concerto de Altamont. O ciclo complétase con outros tres títulos: What’s Happening! The Beatles in the USA! (1964) acompaña os Beatles na súa primeira visita aos EUA; With Love from Truman (1966), cinta raramente mostrada, na que o famosos escritor nos fala da súa famosa novela A sangue frío; e Pshychiatry in Russia (1955), primeira película de Albert Maysles en solitario, froito dunha viaxe en motocicleta por Rusia. que ofrece unha inusual mirada sobre as institucións mentais da antiga Unión Soviética.

As claves da súa cinematografía baséanse na confianza cara os seus personaxes -como individuos reais e con algo interesante e humano que revelar-, na súa audiencia -como espectadores intelixentes, capaces de obter as súas propias conclusións sen necesidade de mediación-, e neles mesmos como cineastas e o seu traballo en colaboración. A procura da autenticidade e a súa fascinación pola realidade levounos a revolucionar e ampliar as fronteiras do documental.

En palabras de Albert: “Podemos obter no noso cinema algo que ningún guionista podería inventar. As cousas, tal e como veñen na realidade son moito máis excitantes que nada que se poida imaginar ou escenificar”. Albert Maysles, ao que Godard definiu coma “o mellor camarógrafo de Norteamérica”, explicará cales son os seus métodos, realizando un repaso aos seus case 60 anos de carreira, nunha conferencia aberta ao público, que terá lugar o sábado 16 de marzo.

Categoría: Noticias
Etiquetas: