AGADIC INVISTE 4,5 MILLÓNS DE EUROS NAS SUBVENCIÓNS AO SECTOR CULTURAL GALEGO

17 / 08 / 2012

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia resolveu xa a adxudicación dun 92% do orzamento global de 4,5 millóns de euros que investirá no sector cultural galego de carácter profesional, a través das tres liñas de subvencións convocadas este ano pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), dirixidas a apoiar a produción audiovisual, o desenvolvemento das industrias culturais e a celebración de festivais.

Por sectores, é o audiovisual ao que lle corresponden as cuantías máis elevadas de todas as concedidas ao amparo destas primeiras resolucións, con preto de 2,9 millóns de euros adxudicados, fundamentalmente no marco das subvencións a producións ou coproducións audiovisuais en lingua galega. A prioridade desta convocatoria é favorecer a realización de películas que contribúan á diversidade do panorama cinematográfico galego e europeo e que non poderían ser producidas sen axuda dos fondos públicos. Así, a través desta liña financiarase a realización de 18 longametraxes –10 deles de ficción e os outros 8 de xénero documental– a cargo de 17 productoras con sé en Galicia. Así mesmo, dentro das subvencións ás industrias culturais, a Asociación Galega de Productoras Independentes (Agapi) é unha das beneficiarias no apartado destinado a apoiar o asociacionismo profesional. Pola súa banda, a música suma ata o momento uns 207.000 euros en axudas a 27 proxectos presentados por 23 empresas e entidades. Neste caso, 180.000 euros corresponden aos 15 festivais de música adxudicatarios da primeira convocatoria da liña de axudas a festivais, mentres que o importe restante revirte en 10 proxectos de distribución e promoción internacional da música galega e nas asociacións profesionais Clubtura e AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais). Completan a relación de entidades beneficiarias cinco galerías de arte, unha editora, a Asociación Galega de Editores e a Asociación Galega de Empresas de Servizos para Eventos (Agase), que suman 12 propostas financiadas a través dos apartados de asistencia a feiras e asociacionismo profesional. A escena conta co maior número de iniciativas financiadas, con 107 proxectos de 57 compañías, que suman preto dun millón de euros en axudas.

No marco destas subvencións, a través da modalidade destinada á actividade escénica, Agadic destina uns 650.000 euros a favorecer a produción dunha destacada parte dos espectáculos que se estrearán nos escenarios galegos a partir da próxima tempada: 30 novas montaxes, dos que 3 son producións de gran formato (con máis de sete actores, músicos ou bailaríns en escena), 10 de mediano formato (entre catro e sete intérpretes), 8 de pequeno formato (máximo de tres intérpretes), 3 de compañías de nova creación e 6 de novas tendencias escénicas. O resto do orzamento adxudicado a proxectos escénicos distribúese entre as entidades organizadoras dos 8 eventos beneficiarios das axudas a festivais na modalidade de artes escénicas, así como entre outras catro modalidades da convocatoria para as industrias culturais, a través das que se apoian 59 iniciativas de distribución de espectáculos dentro e fóra de Galicia, o mantemento da exhibición en tres salas teatrais (Teatro do Andamio na Coruña, Teatro Ensalle en Vigo e Sala Santart en Santiago de Compostela), a actividade de tres asociacións profesionais (Danesga, Escena Galega e Asociación de Actores e Actrices de Galicia) e o acceso ao financiamento bancario de catro compañías teatrais a través do programa Crédito-Cultura. Á espera de que finalice a resolución das axudas ás industrias culturais nas súas modalidades de crédito-cultura e distribución, para as que segue aberto o prazo de solicitude, as cuantías xa adxudicadas distribúense entre 100 empresas e entidades culturais, e están destinadas a financiar 165 propostas de produción, distribución, exhibición e promoción de servizos

Categoría: Noticias
Etiquetas: