AFICIONADOS, PREMIO DO PÚBLICO NA XXXIII SEMANA DE CINE DE LUGO

27 / 09 / 2011

A película española Aficionados, de Arturo Dueñas, foi a preferida polo público da XXXIII Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo, que se celebrou nesa cidade entre o 18 e o 25 de setembro organizada polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, con distintos apoios.

Aficionados, un filme español de creación colectiva que surxiu a partir dun obradoiro de teatro amateur valisoletano, gañou o premio do público da XXXIII Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo. A película, dirixida por Arturo Dueñas, rodada con técnicas de improvisación e sen ningún tipo de apoio financeiro da administración pública, obtivo unha puntuación de 2,57 puntos sobre 3 posibles, superando polos pelos á coprodución entre Canadá e Francia Incendies, de Denis Villeneuve, que logrou unha puntuación de 2,56. Por detrás quedaron a coprodución entre Serbia e Alemaña La mujer con la nariz rota, de Srdjan Koljevic (con 2,46 puntos), o filme galego Todos vós sodes capitáns, de Oliver Laxe (con 2,22 puntos), o grego Canino, de Yorgos Lanthimos (con 1,65 puntos), e a coprodución entre Francia, Italia e Irán Copia certificada, de Abbas Kiarostami (con 1,35 puntos).

A organización estima que houbo unha asistencia de máis de 7.000 asistentes ás distintas proxeccións da XXXIII Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo, o que iría en liña cos datos da edición de 2010. Aparte da súa sección oficial e dos seus ciclos de cine infantil e do mellor do ano, o evento adicou outros aos Beatles e ao cine gastronómico, programou diversas curtas, homenaxeou cunha retrospectiva ao actor galego falecido nos anos 70 Antonio Casal, e rendeu tributo á guionista Marta Rivera de la Cruz, co pase da cinta La conjura de El Escorial, escrita por ela. En total, exhibíronse no certame organizado polo Grupo otocinematográfico Fonmiñá máis de 40 obras.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: