Ábrese o prazo para participar nos III Premios María Luz Morales

29 / 11 / 2018

A Academia Galega do Audiovisual e as catro deputacións galegas premian, un ano máis, a excelencia na investigación científica no ámbito audiovisual convocando a segunda edición dos premios María Luz Morales. As persoas interesadas en participar nesta iniciativa, poden presentar os seus ensaios escritos e/ou os seus videoensaios sobre temática galega ou internacional dende hoxe mesmo ata o próximo 17 de marzo a través do correo-e inscricions@academiagalegadoaudiovisual.gal, segundo recollen as bases que xa están publicadas na web da Academia. Os traballos gañadores recibirán un galardón e 1.200 euros o vindeiro mes de abril nun acto que se desenvolverá na provincia de Ourense.

Así o anunciaron esta mañá na rolda de prensa de apertura de convocatoria, que se levou a cabo no marco do Festival de Cine Internacional de Ourense, Miguel Mariño -director da Academia Galega do Audiovisual- e Xosé Manoel Rodríguez -responsable de publicacións do OUFF-. Mentres que este último quixo destacar que “estes premios conseguen fortalecer o audiovisual galego, enriquecendo o seu legado e tamén a súa historia”, Mariño fixo fincapé en que cos María Luz Morales “se cumple a necesidade de promover e difundir a investigación científica en materia audiovisual que a AGA recolle nos seus estatutos”.

Estes premios pretenden avivar o interese polos estudos sobre o audiovisual, ofrecendo ás persoas estudosas e investigadoras a posibilidade de facer os seus traballos tanto en formato audiovisual como escrito. Trátase dunha iniciativa pioneira en Galicia, organizada co apoio das Deputacións provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Ademais, leva o nome dunha xornalista galega que foi pioneira na súa época, ao converterse na primeira directora dun xornal diario estatal, e que exerceu como crítica, investigadora e colaboradora de producións audiovisuais. Morales foi tamén un referente na defensa dos dereitos das mulleres e no galeguismo e foi represaliada e apartada da profesión durante o franquismo.

María Luz Morales (A Coruña, 1889 – Barcelona 1980). Escritora e xornalista, especializada na crítica de cine e de teatro, dirixiu o xornal La Vanguardia durante a Guerra Civil, sendo a primeira muller na historia de España en ser directora dun diario estatal. Foi activista feminista, republicana e galeguista represaliada polo franquismo, e autora dunha extensa obra literaria. Considerada unha referencia da incorporación da muller a actividade xornalística e intelectual na España do século XX, mantivo a actividade xornalística ata os 91 anos de idade.

Os gañadores da pasada edición foron Lucía Estévez, que gañou o premio ao mellor Videoensaio do Audiovisual Galego con Muller Personaxe; Denisse Lozano, premio ao mellor Videoensaio do Audiovisual Internacional con Núas. Evolución da estética e o significado no nú feminino; Marcos Nine, premio ao mellor Ensaio Escrito Audiovisual Galego con A Película de Autos; e Fernando Redondo, premio ao mellor Ensaio Escrito Audiovisual Internacional con Latexos de Saudade no Cinema. Ademais, o xurado quixo recoñecer tamén, con tres accésit o labor doutras dúas investigadoras e máis dun investigador galegos nacidos despois dos noventa: Brais Romero, que recibiu un accésit ao premio ao mellor Ensaio Escrito Audiovisual Galego por De Vikingland a Ingen Ko Pa Isen: análise dunha correspondencia involuntaria; Éire García, accésit ao premio ao mellor Videoensaio do Audiovisual Internacional por Para as interesadas nas películas de mulleres; e Sabela Rei, accésit ao premio a mellor Ensaio Escrito Audiovisual Internacional por Rostros do cinema europeo, unha aproximación á representación da crise.

Podedes consultar aquí as bases desta edición.

Etiquetas: