ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA A 11ª EDICIÓN DO FESTIVAL INTERNACIONAL DE CURTAMETRAXES, CURTOCIRCUÍTO

8 / 05 / 2014

Xa está aberto o prazo para participar na 11ª edición de Curtocircuíto, Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, que se celebrará do 6 ao 11 de outubro deste ano, 2014. Todos os que queiran inscribir as súas curtametraxes poden facelo, de balde, a través das plataformas http://shortfilmdepot.com ou http://festival.movibeta.com, sendo a data límite para facelo o 6 de xullo de 2014. As curtametraxes teñen que durar un máximo de 30 minutos (títulos de crédito incluídos), deben estar rematadas con posterioridade ao 1 de xaneiro do 2013 e non poderán enviarse as que xa se inscribirán no Festival en edicións anteriores.

Curtocircuíto chega este ano á súa undécima edición e este festival, que naceu en 2004, é hoxe unha cita obrigada co cinema curto e un referente a nivel europeo. Como vén sendo habitual, organizaranse diferentes actividades arredor do sector audiovisual, sendo o protagonista principal o cinema. A inscrición farase a través das dúas plataformas indicadas e, malia que a participación no festival é de balde, ambas as plataformas aplicarán un cargo variable ao usuario pola xestión da inscrición, que se poderá facer ata o 6 de xullo. As curtametraxes seleccionadas (en competición e fóra de competición) serán publicadas na web do festival www.curtocircuito.org aproximadamente un mes antes do comezo do mesmo.

A Sección Oficial estará subdividida en Radar e Explora sendo a organización a que decide, en última instancia, en que sección participarán as curtas presentadas. En Radar estarán as curtas de calquera xénero e nacionalidade que marcan tendencias a escala mundial e na que cineastas experimentados convivirán con novas promesas. Explora será unha sección centrada na procura de novas caligrafías fílmicas, pezas dificilmente catalogables nun xénero que dilúen a idea tradicional do cinema mediante a exploración de sendas innovadoras.

Os premios e mencións serán Mellor Curtametraxe e Mención ou Mencións Especiais en Radar, Explora e Galicia; Premio do Público e Premio do Xurado á Mellor Curtametraxe; Premio CREA á Mellor Dirección Galega e Premio AGAG ao Mellor Guión Galego. Todos os premios terán unha dotación económica agás as Mencións Especiais.

Os interesados en participar poden consultar as bases e outra información de interese na páxina web do festival www.curtocircuito.org ou na web www.compostelacapitalcultural.org na sección de Curtocircuíto.

Categoría: Noticias
Etiquetas: