A REUNIÓN DE RAÍCES NO FESTIVAL DE CINE IBEROAMERICANO DE HUELVA APOIA A PRODUCCIÓN DO DOCUMENTAL «PARE, MIRE, ESCUCHE»

27 / 11 / 2008

A 34ª edición do Festival de Cine Iberoamericano que se celebra na cidade andaluza de Huelva foi o lugar escollido para a celebración da reunión ordinaria do “Programa Raíces” na que, entre outros importantes acordos, se decidiu apoiar con 80.000 ¤ á produción documental “PARE, MIRE, ESCUCHE” das produtoras DOS TREINTA Y CINCO PRODUCCIONES CINEMATOGRÁFICAS, S.L. (Galicia), UZALA FILMS (Andalucía), HIPERKINESIS y 16 M (ARGENTINA).
“PARE, MIRE, ESCUCHE” é a historia dunha viaxe, unha viaxe que realiza un tren- hospital de nenos dende hai 25 anos e que recorre o norte arxentino brindando cos seus voluntarios asistencia médica nas localidades que carecen dela. É unha mirada sobre unha das realidades máis incompresibles de Latinoamérica, é a historia dun nacemento, de soños e fracasos, de tesón e persistencia, de amores e desexos, no principio da historia de miles de nenos que nacen condenados.

Outras decisións

Nesta reunión do Programa Raíces, formado polo Consorcio Audiovisual de Galicia, o Instituto Nacional de Cine e Artes Audiovisuales de Argentina (INCAA) e o Departamento de Cultura da Junta de Andalucía, tomáronse ademais outras importantes decisións.

Así, decidiuse que o sistema de rotación da Presidencia recaia nesta ocasión na autoridade arxentina.

A consolidación de RAÍCES como un importante acordo para a coprodución en Latinoamérica, vai acompañado dunha colaboración e, nalgún casos,incorporación das televisións públicas dos diferentes territorios, así como medidas concretas no apoio á distribución e exhibición dos produtos seleccionados.

RAÍCES, nos 4 anos de historia apoiou 9 proxectos audiovisuais, entre os que se atopan títulos como Pérez, o ratiño dos teu soños I, de Filmax Animation, que obtivo importantes premios como o Goya á mellor longametraxe de animación 2006, o premio á mellor película de animación na XIV edición do Festival de Cine Latino de San Diego (EE.UU.) e unha candidatura á mellor película de animación nos 55º Premios Cóndor de Plata (Arxentina). Ademais foi seleccionado no Festival Internacional de Cine de Toronto, na sección oficial do Festival de Cine de Tribeca (EE.UU.) e na 18ª edición do Cartoon Forum en Girona (2007), ademais de ser unha das películas españolas máis rendibles do 2007, e a película con participación galega máis vista no 2006; Pérez, o ratiño dos teu soños II, que se estreará no próximo mes de decembro e da que se agarda un grande éxito de recadación; Abrígate de Continental Produccións, que obtivo o premio á mellor actriz (María Bouzas), o premio do público e o premio especial de TVE na XIII Mostra de Cine Latinoamericano de Lleida; O neno de barro, de Adivina Producións, filme seleccionado nos festivais de cine de Montreal e o de Santo Domingo, entre outros, na categoría de novos realizadores. No XIX Festival Internacional Viña del Mar seleccionouse o filme para a súa sección oficial, e gañou o premio da prensa especializada á mellor longametraxe internacional. Ademais, foi candidata aos premios Goya no apartado mellor canción orixinal. Gañou nove dos dezaseis galardóns aos que aspiraba nos Mestre Mateo: mellor película, mellor dirección, guión, música orixinal, dirección artística e de fotografía, maquillaxe e perruquería, vestiario e mellor actor protagonista para Chete Lera.

Unha das demostracións da necesidade do fondo constitúea o interese mostrado por parte de países como Venezuela e Cuba de integrarse de inmediato no Programa. Despois das reunións mantidas en Huelva cos representantes dos institutos nacionais de cine de ámbos os dous países, prevese a súa inmediata incorporación.

Esta é soamente unha primeira fase de expansión de RAÍCES que, sen dúbida, se verá superada polo interese amosado por outros territorios tanto do estado español como do continente americano de apoiar un instrumento que demostrou a súa utilidade.

Etiquetas: