A PROXECCIÓN DAS CURTAS DA SECCIÓN A TODA MECHA CENTROU A XORNADA FINAL DA IV EDICIÓN DO FESTIVAL ON&OFF 2008

4 / 08 / 2008

As 75 horas de gravación previstas na sección A Toda Mecha do Festival On&Off remataron o pasado sábado á unha do mediodía. Na tarde, o xurado e público xeral puideron asistir no Cine Teatro á estrea das curtas dos 14 grupos de mozas e mozos participantes.
Este ano incorporouse como novidade un Premio Especial do Público, sen dotación económica pero que deu boa conta do calado nos espectadores das obras dos novos creadores que se deron cita en Ribadeo durante esta semana. Recoñeceuse o traballo do Mellor Actor, a Mellor Actriz e a Mellor Curtametraxe.

Os encargados de determinar a curta gañadora -3.000 euros de premio- do A Toda Mecha deste ano foron: Mikel Fuentes, coordinador da sección A Toda Mecha, Ignacio Vilar, director de Pradolongo, Mari Luz Álvarez Lastra, concelleira de Cultura de Ribadeo, Jairo Iglesias, director de curtametraxes e Carlos Seijo, gañador da edición do ano pasado e director convidado este ano.

Pola noite tivo lugar a Gala Final da IV edición do Festival Creativo de Curtas On&Off 2008. Alén de coñecer a curta gañadora da sección A Toda Mecha fíxose público o veredito do xurado en canto á sección oficial, na que este ano participaron 27 curtametraxes. O xurado, formado por Elisa Vecino, Santiago Jaureguizar e Xosé Lois Santiago, determinaron os gañadores do Misto de Pau de Sabugueiro á mellor curta de ficción (1.200 euros), Misto de Pau de Carballo á mellor curta documentario (1.200 euros) e Misto de Pau de Castiñeiro á mellor curta de animación (1.200 euros).

Ao remate da gala actuaron os grupos de música local, Zora Gabbara e Sempre se Fixo. Todas as obras galardoadas proxectáronse o domingo, pola noite no Cantón dos Moreno.

Categoría: Noticias
Etiquetas: