A PINTURA E A ESCULTURA CONVIVEN CO CINEMA EN PLAY-DOC 2010

4 / 03 / 2010

O Festival Internacional de Documental de Tui prepara do 17 ao 21 de marzo dúas exposicións dos artistas galegos Antón Lamazares e Manolo Paz. Estas poderanse ver durante o festival, que presenta desta volta 29 títulos e dous concertos que subliñan o carácter multidisciplinar da cita.

Na sección de Documentais Galegos, Un mar de pedra, de Manu Paz e Xacobo Sanmartín, retrata unha das figuras máis relevantes da escultura na Galicia dos últimos trinta anos, Manolo Paz. A cinta segue todo o proceso creativo do autor de Cambados, explicando que relación mantén este coa pedra, o seu principal material de traballo.

O poder do signo e o vínculo coa terra, dúas das ideas máis presentes nas pezas de Paz, son algúns dos temas que trata esta película de abstracta beleza, nun exercicio no que a cámara segue o día a día do personaxe na execución do que o apaixona, facer arte cun cincel.

Aproximación ben distinta é a que propón Horizonte sen dono, que confía na palabra de Antón Lamazares para cimentar un discurso que fala da orixe dos impulsos creativos. O documental de Nayra e Javier Sanz Fuentes grava conversas do pintor con amigos, familiares e outros artistas sen fixar un rumbo, polo simple pracer de escoitar, práctica que se foi perdendo nunha sociedade especialmente tecnolóxica, como critica Lamazares coa súa obra.

NON SÓ DE DOCUMENTAIS VIVE ESTE FESTIVAL

O que fora un dos máximos representantes de Atlántica, imprescindible asociación cultural dos anos 80 que desembocou na vaga máis sólida da arte en Galicia, prepara diante das cámaras unha retrospectiva que pensa levar a Budapest.

Moitas das pezas que aparecen no filme estarán presentes na exposición que Play-Doc lle dedica ao autor, destinando a sala XXX do edificio da Área Panorámica da cidade a estes efectos. O visitante poderá contemplar un total de XX obras que realizan un percorrido pola traxectoria artística do seu autor.

Menor en número, pero non por iso de menos calidade, a exposición de Manolo Paz constará de tres pezas ao aire libre diante da sede do festival. O creador dos famosos Menhires da Paz, situados no campo da rata na Coruña (preto da Torre de Hércules, e lugar de fusilamento de moitos opositores ao réxime franquista durante a Guerra Civil), rende homenaxe con este conxunto ao seu benquerido Cambados.

Máis información na páxina web do festival www.play-doc.com

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: