A Fundación Eugenio Granell organiza unha actividade sobre a obra do pintor e cineasta. Impartida por Miguel Castelo, consiste en dous cursos destinados a estudantes de Comunicación Visual, Xornalismo, etc., e a cantos todos están interesados nas cuestións da narrativa audiovisual e as artes plásticas.
A duración do primeiro curso é de 15 horas, os días 6, 7, 11, 12, e 13 de novembro de 17:00 a 20.00 H., admitindo un número máximo de 20 participantes e un mínimo de 15.
Malia súa condición de actividades complementarias, o seu carácter independente permite a cada quen poder asistir ao curso que considere oportuno ou que máis concorde cos seus intereses.
A matrícula quedará conformada por rigorosa orde de inscrición. O prezo por curso é de 85 ¤.
Visitando a Granell, Novas miradas sobre a obra dun pintor e cineasta, é un taller de linguaxe audiovisual que ten como principal obxectivo o coñecemento e a aprendizaxe do proceso da construción fílmica, atendendo principalmente aos procedementos retóricos e mecanismos de produción de sentido.
En segundo lugar, unha nova experiencia complementará, en adecuada prolongación, o sentido da proposta coa posta en práctica dos coñecementos adquiridos.
Coñecido o proceso da construción dramática audiovisual e, en consecuencia, o seu proceso de decodificación; da percepción consciente do discurso resultante, acometerase a produción e realización de diversas pezas que terán como obxecto de traballo, de modo sucesivo e independente, a obra pictórica e audiovisual de Eugenio Granell.
Esta actividade pedagóxico – cultural, en torno á linguaxe das imaxes e os sons, organízase en dous talleres independentes e complementarios entre si:
Visitando a Granell ( I ), Novas miradas sobre a súa obra plástica
Os/as participantes deste curso, abordarán, en clave documental ou de ficción, a creación de diversas pezas, nun número máximo de catro, sobre a produción plástica (pictórica e/ou escultórica) de Granell.
Neste primeiro curso, levarase a cabo o proceso completo da construción fílmica: Produción, Filmación e Montaxe.
O/a alumno/a establecerá un diálogo directo entre a cámara e a obra de arte, buscando as novas posibilidades da linguaxe visual.
Visitando a Granell ( II ), Novas miradas sobre a súa obra cinematográfica
(pendente de datas de realización)
Os/as participantes deste taller, terán como cometido práctico a realización de pezas (igualmente nun número máximo de catro), na que a obra cinematográfica de Eugenio Granell sexa o único elemento de traballo.
Neste segundo curso, o traballo centrarase na terceira das fases da construción fílmica: a Montaxe.
A parte práctica ten como único material de traballo o legado audiovisual do artista. Aquí, a mirada proxectarase sobre elementos “dinámicos” (por mellor dicir, cinéticos), procedentes dunha mirada previa.
Así, “Diarios cinematográficos” (1960-1980) ou “Película hecha en casa con pelota y muñeca” e calquera dos outros cinco títulos que Granell realizou entre 1960 e 1980, constituirán o material único sobre o que traballar de cara a obtención dunha nova mirada.
Este procedemento de construción fílmica adscríbese á corrente máis vangardista da produción cinematográfica -á marxe da grande industria e o poder hexemónico dos seus circuítos de explotación-, xa iniciado nos anos 20. Unha corrente non allea ao ámbito das artes plásticas e así mesmo ensaiada no campo do vídeo-arte.
Coñecida como Cine de apropiación, esta veta cinematográfica recibe tamén as denominacións de Found footage (metraxe atopada), Détournement (desrodaxe), Desmontaxe…, en definitiva unha reciclaxe de imaxes, unha nova organización visual a partir de vellos fotogramas.Unha corrente na que teñen oficiado artistas e cineastas da importancia de Man Ray, Joris Ivens, Chris Marker, e Basilio M. Patino, Jaime Camino, Joaquín Jordá, José Luis Guerín ou, máis recentemente, Isaki Lacuesta, en España.
Para máis información:
didactica@fundacion-granell.org www.fundacion-granell.org