Xosé Manuel Olveira Pico, Presidente da Academia Galega do Audiovisual, presentou esta mañá no marco do Festival Internacional de Cine de Ourense unha nova edición da publicación Papeis da Academia, que por terceiro ano consecutivo recolle a labor desenvolvida por esta institución ao longo de doce meses, así como os fitos máis salientables do sector en Galicia. De maneira conxunta co libro, a AGA distribúe un CD coa música máis destacada do grupo Milladoiro para o mundo do cine, dentro da liña de compilacións musicais que realiza a entidade baixo o nome As Músicas da Academia.
Por parte da AGA participaron tamén na presentación o Vicepresidente da entidade Pepe Coira e o directivo e coordinador de As Músicas da Academia, Nani García. En representación do Festival Internacional de Cine de Ourense interviñeron o seu Director Xerente Enrique Nicanor, a Presidenta do Consorcio do Festival, Isabel Pérez, e o Director de Programación César Silva.
Coa publicación deste terceiro volume de Papeis de Academia, a nova xunta directiva nomeada o pasado mes de maio reafírmase no obxectivo marcado polo equipo anterior -presidido pola actriz María Bouzas- de converter esta publicación no instrumento divulgador clave dos esforzos da AGA por protexer os intereses comúns de tódolos que traballan no sector audiovisual galego, unido á defensa do seu prestixio, como profesión e como industria cultural.
A terceira edición de Papeis da Academia recolle as actividades levadas a cabo entre xullo de 2008 e xuño de 2009 e, como en anos anteriores, estivo aberta á participación de tódolos académicos. Así, o apartado de “Exhibición” recolle un artigo de Manuel Sendón sobre as vellas salas de cine que comezaron a poboar Galicia na segunda metade do século XX, ao que se une unha reflexión de Olaia Sendón sobre a experiencia persoal e colectiva deses anhelados espazos. Ademais, a produtora Mr Misto Films explica a súa experiencia divulgativa itinerante sobre o audiovisual realizada para nenos.
Papeis da Academia adica tamén espazos propios á televisión e á tecnoloxía. No primeiro caso, cun artigo do Director Xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, sobre o segundo canal televisivo -“G2, a segunda vía da TVG”- que o ente público plantexa como unha marca potente para proxectar Galicia no exterior. Pola súa banda, Alberto Díaz Blanco, Bertitxi, aborda a revolución que supón a aparición das cámaras réflex dixitais con modo de gravación en vídeo HD.
No que se refire ao capítulo de “As Producións”, Leonel Vieira trata sobre a realización da coprodución luso-española A Conexión; Pancho Casal, sobre o éxito que supón para a produtora Continental o ser a primeira compañía galega en desenvolver oficialmente software para Wii de Nintendo; e José L. Castro de Paz xunto con José Manuel Sande falan do filme El Andamio, rodado en A Coruña entre 1957 e 1958 e que permanecera prácticamente inédito ate a súa restauración e estrea no CGAI en decembro do ano pasado. Finalmente, Diana Gonçalves escribe sobre o seu documental “Mulleres da raia”, que intenta recuperar a memoria das mulleres das aldeas veciñas coa fronteira galego-portuguesa e que durante décadas viviron do contrabando local e a emigración clandestina.
Este ano, o apartado de opinión de Papeis da Academia corre a cargo do director Marcos Nine, co artigo “El lápiz está para follárselo” e da produtora Chelo Loureiro con “¿Por qué existe CIMA?”. Finalmente, a publicación faise eco da formación dos profesionais a través da firma de Virginia Ramírez, Directora da Escola Superior de Artes Cinematográficas de Galicia (EGACI).
CD de Milladoiro
Continuando a iniciativa posta en marcha na edición do ano anterior, a Comisión de Publicacións da AGA creou un novo número de As músicas da Academia, unha liña de compilacións en formato CD creada para difundir e homenaxear o patrimonio da música cinematográfica de Galicia. Nesta ocasión, o CD é un tributo ao traballo de Milladoiro para a sétima arte. O grupo folk leva máis de 20 años facendo música para cine, dende que en 1986, no seu primeiro traballo para a industria cinematográfica, alzárase co Goya á mellor música orixinal por La mitad del cielo, de Manuel Gutiérrez Aragón, que se atopa entre os contidos do disco. Inclúe ademais os temas creados por Milladoiro para Divinas palabras (1987, José Luis García Sánchez); El rey del río (1995, Manuel Gutiérrez Aragón); Tierra de fuego (1999, Miguel Litín); Siempre Habana (2006, Ángel Peláez) e Las galas del difunto (2008, José Luis García Sánchez).
Como é habitual, Papeis da Academia fai repaso de tódalas producións feitas en Galicia durante o último ano; dende curtametraxes, documentais e series de televisión ate as producións para a gran pantalla. A obra reproduce tamén os debates que tiveron lugar no marco do Foro Academia Aberta, así como unha ampla cobertura dos últimos Premios Mestre Mateo. Igualmente, recóllense ao detalle o elenco de festivais celebrados en Galicia entre xullo de 2008 e xuño de 2009, unha cronoloxía dos fitos máis destacados acontecidos na industria galega nese período e as axudas públicas recibidas.
As últimas páxinas adícanse a homenaxear aos compañeiros falecidos no último año, entre os que se atopan Atilano Franco, Eloy Lozano, José Luis Sánchez Vázquez, Alberto Durán, María José Fernádez Novoa Sesé e José Luis Cabo.
Na presente edición, Papeis da Academia 08-09 está patrocinado pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, o Concello da Coruña e o Consorcio Audiovisual de Galicia.