O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual (AGA), inicia un ciclo o martes día 18 de maio no que se proxectarán as longametraxes gañadoras na última edición dos Premios Mestre Mateo como modo de promoción e difusión da produción galega do último ano.
O ciclo inaugúrase o martes 18 de maio (20.30 horas) coa proxección de CELDA 211 (2009) de Daniel Monzón. O acto contará coa presenza e presentación previa de Alfonso Cabaleiro, Secretario Xeral de Medios; Xosé Manuel Olveira, “Pico”, director da Academia Galega do Audiovisual e os produtores galegos de CELDA 211, Emma Lustres e Borja Pena (empresa Vaca Films).
O ciclo segue os días 21, 27 e 29. A entrada a todas as sesións é gratuíta.
CELDA 211 (España, 2009)
Dirección: Daniel Monzón. Guión: Daniel Monzón e Jorge Guerricaechevarría, sobre a novela de Francisco Pérez Gandul. Produción: Vaca Films ; Morena Films e Tele 5. Fotografía: Carles Gusi. Intérpretes: Luis Tosar, Alberto Ammann, Antonio Resines, Marta Etura. Duración: 110 minutos.
Gran triunfadora dos Goya e dos Mestre Mateo (10 galardóns), merecedora en ambos os casos do premio principal, destinado á mellor longametraxe. Un novato funcionario de prisións preséntase no seu destino un día antes da incorporación oficial. Sofre un accidente e vese envolto nun motín no que se fai pasar por preso. A presenza de Malamadre, un famoso preso FIES, dá pé a situacións complicadas. Un filme tenso, fluído, de bo pulso narrativo, gran éxito do cine español recente.
Venres 21 (20.30 horas). Presentación a cargo de Pancho Casal, produtor:
CONEXIÓN (España-Portugal, 2009)
Dirección: Leonel Vieira. Guión: Joâo Nunes e Jorge Almeida. Produción: Continental Producciones, Stopline Filmes, Prodigius Cinema e TVG. Fotografía: José Antonio Loureiro. Intérpretes: Mela Casal, Xavier Deive, Ivo Canelas. Duración: 170 minutos.
Premio Mestre Mateo á mellor película para Televisión. Miniserie de coprodución galego-portuguesa (dous capítulos de 85 minutos cada un) sobre as conexións do mundo do narcotráfico entre Galicia e Portugal. Historia coral e equipos técnico-artísticos ben repartidos nun ambicioso telefilme con nutrido elenco (Monti Castiñeiras, Ernesto Chao, Mabel Rivera, etc).
Xoves 27 (20.30 horas). Presentación a cargo do director, Jorge Coira, e a produtora Fernanda del Nido:
¿QUÉ CULPA TIENE EL TOMATE? (España-Bolivia-Brasil-Colombia-Venezuela-Arxentina-Perú, 2009)
Dirección: Jorge Coira, Alejo Hoijman, Marcos Loayza, Josué Méndez, Carolina Navas, Paola Vieira e Alejandra Szepiaki. Produción: Tic Tac Producciones (España), Lagarto Cine (Arxentina), Púcara Films (Bolivia), Chullachaki Producciones (Perú), Pato Feo Films (Colombia), TVZero (Brasil), Cooperativa Estrella Films (Venezuela) e TVG. Duración: 107 minutos.
Premio Mestre Mateo á mellor longametraxe documental. Sete países. Sete mercados populares. Sete culturas diferentes. Sete directores. Sete miradas distintas. Unha longametraxe documental observacional na que participan 7 directores iberoamericanos que, a través dos seus mercados populares, nos envolven nas súas diferentes culturas e formas de vida.
Sábado 29 (20.30 horas). Presentación a cargo da directora Diana Gonçalves:
MULLERES DA RAIA (España, 2009)
Dirección, guión, fotografía e produción: Diana Gonçalves. Duración: 42 minutos.
Unha viaxe ás fronteiras do norte de Portugal e Galicia transpórtanos ao noso pasado máis recente, o contrabando local e a emigración clandestina eran prácticas habituais nestas terras, aproveitando a proximidade do país veciño. A raia, como popularmente é coñecida a fronteira, garda unha historia de loita diaria pola supervivencia e as súas mulleres son testemuñas. Premio Mestre Mateo ao mellor documental.