O Vicepresidente da Academia Galega do Audiovisual Pepe Coira inauguró esta mañá en Santiago de Compostela o Foro Academia Aberta 2007 dedicado a “A televisión dixital en Galicia, novas tecnoloxías, novos servizos”. Na súa intervención, Coira subliñou o esforzo feito pola Academia para reunir, por primeira vez nun mesmo foro, a todos os concesionarios das licenzas de TDT en Galicia –todos foron invitados e a meirande parte confirmaron a súa participación-, coa intención de que debatan abertamente as súas visións do negocio da televisión dixital, á vez que intercambian as súas experiencias cos expertos e profesionais do resto do estado que participan nestes encontros.
Na descrición do programa, o Vicepresidente da A.G.A. mostrou o seu desexo de que o Foro Academia Aberta 2007 sirva para botar luz sobre os principais interrogantes que xorden en relación a estes novos medios de comunicación. Para tal fin, a Academia ten deseñado un programa amplo e plural, no que tamén amosaranse exemplos de novas empresas en marcha no eido da televisión dixital e internet dentro e fóra da nosa comunidade e, pola súa banda, os representantes das asociacións da industria audiovisual galega achegarán a súa visión e estratexia fronte ao cambiante escenario desta industria.
Na presentación do Foro, na que participaron representantes das entidades patrocinadoras -Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, e Fundación Caixa Galicia- Pepe Coira salientou como obxectivos fundamentais das xornadas os de analizar a programación das novas canles, os recursos humanos e técnicos, as vías de financiamento dos novos proxectos, as súas intencións no eido da I+D+i, e o desenvolvemento de novos formatos e medios de difusión que exploten as capacidades interactivas da televisión dixital, tendo como horizonte a data do apagamento analóxico no 2010.
Trala inauguración, a sesión da mañá comezó coa intervención de Alejandro Perales, Presidente da Asociación de Usuarios da Comunicación e membro do Foro Técnico da Televisión Dixital Terrestre, quen describiu a situación da televisión dixital en España. Na súa opinión, dende o punto de vista técnico pódese dicir que en España estase a facer un importante esforzo de adaptación das infraestructuras e polo tanto cumpriranse os prazos para emitir só en tecnoloxía dixital no 2010. No en tanto, “a demanda e a oferta de contidos seguen a ser unha incógnita: non existe unha oferta de TDT atractiva, as televisións xogan ao ralentí, non existen grandes inversións nin hai gran mercado”, manifestou Perales, e sinalou o círculo vicioso no que se atopa a TDT: só ten un 7-8% de audiencia pero tamén é certo que non se fai o esforzo inversor axeitado para que a cidadanía visualice as vantaxes da televisión dixital, como a aposta polos contidos de calidade, a innovación e os servizos interactivos, algúns deles comerciais pero outros de carácter social ou cotián, como o correo electrónico e o videoteléfono por televisión.
Séguense a vender receptores analóxicos
Para Alejandro Perales, é preocupante que ao redor do 50% das televisións que se están a vender no total do estado sexan analóxicas aínda que teñan aparencia de novidosas –con plasma, LCD, etc-, porque en menos de tres anos non valdrán para recibir o sinal, e puxo os exemplos das medidas implantadas neste aspecto noutros países europeos: a prohibición da venda de receptores analóxicos en Francia dende o 1 de xaneiro do 2008 e, no caso do Reino Unido, a obriga de advertir aos compradores da caducidade do aparello mediante etiquetas informativas.
Así mesmo, amosou o seu convencemento de que o futuro e viavilidade da TDT baséase na fórmula da televisión de pago, porque as vías de financiación serán a publicidade –compartida cunha infinidade de soportes- o pagamento de programas e a venda de servizos. En consecuencia, “no ámbito dixital é moi importante a baza da televisión pública, que será a única xeneralista, de contidos de calidade e gratuíta” sinalou Perales, quen engadiu que “a televisión pública ten que ser a locomotora da TDT en España, como o está a ser no resto de Europa”.
A seguinte conferencia correu a cargo do profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Francisco Campos, quen vaticinou que a TDT vai quedar como “a oferta gratuita tradicional de televisión pero con máis canles”, posto que non cre que as autoridades permitan a fórmula de pago na TDT, á vez que haberá unha unha televisión nova, interactiva e persoal, de pago, baseada nas tecnoloxías do cable, o satélite e a alta definición. No que respecta ás licenzas de TDT outorgadas en Galicia nos anos 2005 e 2006, Campos afirmou que “o modelo de desenvolvemento destas TDTs é inexistente” e recoñeceu que a televisión dixital non poderá ser o motor do audiovisual galego, tendo en conta que as produtoras autóctonas “non pudieron o non intentaron” entrar neste negocio e que a nosa industria audiovisual “vive case que exclusivamente dos 50 millóns de euros” que reparten a TVG e as subvencións da Xunta de Galicia.
Campos engadiu que os indicadores de negocio dos tradicionais medios de comunicación galegos –os principais beneficiarios das licenzas dixitais- e as cifras da inversión publicitaria no noso mercado “non permiten facer un modelo de televisión moi optimista”, o que conleva que as novas canles “emitirán produtos de fóra e producións propias, pero de baixo custo”. Subliñou que aínda que a lei o prohibe, a TDT evolucionará á emisión en cadea, posto que económicamente sería inviable outro modelo de explotación.
Mesas redondas e as conferencias da tarde
O bloque da mañá rematarase coa mesa redonda “TDTs locais, as empresas dos grupos editoriais”, na que participan Xosé Manuel Dapena, Director de Marketing de El Ideal Gallego; Antonio Rodes, Director Xeral de EPI Radio TV, de Editorial Prensa Ibérica (editora do Faro de Vigo); Marga Soilán, Directora de Telelugo, do Grupo El Progreso; Luis Pérez, Director de El Correo TV, do Grupo El Correo Gallego, e Gerardo Iracheta, Director Xeral de Local Media TV.
A tarde comeza coa mesa redonda, “TDTs locais, as empresas independentes e casos singulares”, coa presencia de Isidro Blanco Cortizo, Conselleiro Delegado de Dezavisión; Javier Otero Llovo, Director de Localia TV Galicia, e Fidel Fernán, Presidente-Director Xeral de A 7 TV e Radio Principal SA.
As últimas intervencións do día corren a cargo de Xosé María Besteiro, Director de Distrivisión, baixo o título “Distribución de contidos para televisión dixital” e Ricardo Domingo, Director de Barcelona Televisió, do Grupo ICB, cun relatorio sobre “Barcelona Televisió, unha televisión pública local de éxito”.