Un ano máis, o audiovisual galego vístese de festa. O martes 15 de abril os focos do Teatro Jofre de Ferrol alumearán a Gala de Entrega dos Premios Mestre Mateo 2007, na que se coñecerán os gañadores das vintecinco categorías que conforman os galardóns.
Por segundo ano consecutivo, os populares Antonio Durán (Morris) e Manuel Manquiña serán os presentadores do certame e polo tanto os responsables en boa parte de asegurar o mellor ton para esta gala: áxil, amena e moi, moi entretida. Responsabilidade que, ao igual que na pasada edición, comparten cos guionistas e directores da Gala, Xosé Castro e Andrés Mahía.
A cita anual más importante dos profesionais e da industria audiovisual galega será retransmitida por Televisión de Galicia e aglutinará non só unha ampla representación do propio sector senon tamén de personalidades doutros ámbitos da cultura, da comunicación e da realidade socioeconómica, política e institucional de Galicia.
No traballo de levar a bo término a entrega dos premios participarán un nutrido grupo de actores e actrices galegos, entre eles, Pedro Alonso, María Vázquez, Xosé Barato, Camila Bossa, Alfonso Hermida, Teté Delgado, Alejandro Macías e Mayka Braña. Todos eles axudarán a desvelar en directo ante o público o segredo gardado nos sobre notariais, cos nomes gañadores nesta sexta edición dos Premios Mestre Mateo, resultantes das votacións feitas nas últimas semanas por todos os membros da Academia con dereito a voto. Pola súa banda, a actriz Isabel Risco colaborará cos presentadores para espertar os sorrisos do público.
Este ano, os directivos da Academia aprobaron outorgar o Premio de Honra Fernando Rey -creado para recoñecer as traxectorias profesionais salientables no eido do audiovisual galego- ao prolífico actor de teatro, cine e televisión, Ernesto Chao, que recollerá o galardón no transcurso da Gala.
Estes e outros pormenores do evento foron debagados esta mañá en rolda de prensa pola Presidenta da Academia Galega do Audiovisual, María Bouzas. O acto, convocado para presentar a Gala maila Semana do Audiovisual Galego -o circuíto previo de promoción dos traballos finalistas nesta edición aos Premios- contó coa participación dos representantes das entidades patrocinadoras da Gala e do circuíto.
A Gala ten como patrocinadores tres consellerías da Xunta de Galicia, concretamente, as de Presidencia, Cultura e Deportes, e Innovación e Industria, a través das súas direccións xerais de Comunicación Audiovisual, Creación e Difusión Cultural, e Promoción Industrial e Sociedade da Información, respectivamente. Así mesmo, conta co patrocinio da Concellería de Cultura e Promoción Turística do Concello de Ferrol, a Fundación Caixa Galicia e a Televisión de Galicia. Os colaboradores da presente edición son: Fundación Aisge, Gadisa, SGAE-Fundación Autor, e Spica.
No relativo á Semana do Audiovisual Galego, coordinada como o ano pasado pola produtora MrMisto Films, patrocinan as direccións xerais de Comunicación Audiovisual e de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia, xunto coa Fundación Caixa Galicia. Os colaboradores deste circuíto son: Axencia do Audiovisual Galego (Consellería de Cultura) e o seu programa de Cinemas Dixitais, e a Rede de Telecentros da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual (Presidencia), da Xunta de Galicia.
Ademais da Presidenta da Academia, na rolda de prensa de hoxe estiveron presentes, pola Xunta de Galicia, o Director Xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Fernández, e o Director da Axencia do Audiovisual Galego (Consellería de Cultura), Manuel González. Así mesmo, asistiron a Concelleira de Cultura e Promoción Turística do Concello de Ferrol, Yolanda Díaz; o Director xerente da TVG, Jesús Iglesias; a Xerente da Fundación Caixa Galicia en Santiago, Ana Salgado; e o representante da produtora MrMisto Films, Xan Mariño.
Semana do Audiovisual Galego en 60 localidades e 83 pases
A Semana do Audiovisual Galego naceu na pasada edición dos Premios Mestre Mateo, como un xeito de complementar e consolidar os galardóns máis importantes do sector no país e a súa divulgación na sociedade galega.
Trala boa acollida do primeiro circuíto, a Academia fixo un esforzo importante de organización coa axuda dos patrocinadores e colaboradores na iniciativa, preparando así un programa extenso de presentacións e proxeccións dos traballos finalistas nun amplo número de localidades galegas, duplicando prácticamente o número de cidades, vilas e pobos do ano anterior, e pasando de pouco máis de 30 localidades a 60 nesta ocasión, e acadando entre todas elas un total de 83 puntos de exhibición. O circuíto celébrase ao longo de toda a semana previa á Gala, dende o luns 7 de abril ata o domingo 13 inclusive.
A programación completa do circuíto pódese consultar na web da Academia, no enderezo www.academiagalegadoaudiovisual.gal