Marta Villar, premio «Fernando Rey» e En Xogo, premio «José Sellier»

21 / 02 / 2017

A directora de arte Marta Villar recibirá o premio de honra «Fernando Rey» 2017 por decisión da Academia Galega do Audiovisual (AGA), que con este galardón quere «recoñecer os moitos anos de traballo e a impecable traxectoria dunha compañeira que aínda que esté ‑e neste caso máis que nunca‑ detrás do decorado, forma parte sustancial do noso audiovisual». A AGA tamén subliña a relevancia que ten entregarlle un premio de honra á unha profesional técnica xa que «son moi poucas as ocasión nas que estes galardóns recaen no persoal técnico e menos aínda en mulleres».

Marta Villar, natural de Vigo, formouse como deseñadora de interiores na Escola de Arte Mestre Mateo a principios dos anos 80. O seu primeiro traballo profesional no mundo do audiovisual foi no cine da man de Chano Piñeiro para quen, en 1986, fixo os decorado da curtametraxe Esperanza. Dous anos despois, no 88, realizou o seu primeiro traballo para televisión, o decorado do programa Vivir Aquí, da TVG. E en 1994 creou por primeira vez os decorados dunha serie, Pratos Combinados.

Dende entón o traballo como directora de arte e deseñadora de decorados de Marta Villar é unha constante no audiovisual galego, tanto no cine como principalmente en televisión.

Para TVG ten deseñado os platós de series como Rías Baixas, Fíos, Os Atlánticos, Avenida América ou A Casa de 1906 e de programas actualmente en parrilla como A Revista ou Zig Zag, así como de diversos programas especiais das noites electorais.

Tamén son creacións súas os decorados de TV movies como Entre Bateas ou Salgadura (polos que obtivo sendos premios Mestre Mateo), Pataghorobí ou Biblioteca da Iguana.

No ámbito do cine foi directora de arte de películas como Heroína, Agallas, Los muertos van deprisa, A Praia dos afogados ou recentemente Migas de Pan.

Marta Villar recibirá o premio «Fernando Rey» no transcurso da Gala dos Mestre Mateo que tera lugar no Palexco da Coruña o sábado 4 de marzo.

 

O «JOSÉ SELLIER» PARA EN XOGO

A AGA decidiu este ano conceder o premio especial «José Sellier», dedicado a recoñecer iniciativas salientables no sector audiovisual, ao programa deportivo de TVG En Xogo. Con este galardón a Academia quere poñer en valor «o traballo levado a cabo durante máis de 30 anos por este programa a prol da normalización da língua e de apoio ao deporte, no só aos maioritarios, senón principalmente ao deporte de base, aos femininos e a aqueles que adoitan ter escasa repercusión nos medios». Con este premio a AGA tamén quere recoñecer o feito de que En Xogo ten sido ao longo destas tres décadas «unha grande escola de profesionais pola que pasaron moito e moi bos profesionais do audiovisual galego».

O programa En Xogo segue a ser un expoñente do servizo público da Televisión de Galicia, capaz de adaptarse aos tempos e ofrecer hoxe en día a actualidade deportiva cada fin de semana coa última tecnoloxía e múltiples emisións e conexións en directo, tanto pola TVG2 como por internet. Entre outras características fai posible a participación do público en directo coa axuda das redes sociais e tamén achegando videos e comentarios.

O equipo que forma En Xogo é un exemplo de uso eficaz e competitivo dos recursos técnicos e humanos dispoñibles. A pesar das limitacións crecentes de dereitos de emisión deportivos é quen de producir en directo os sábados cinco horas e os domingos seis horas aproximadamente, con contidos altamente enfocados cara Galicia.

O programa está nas pantallas de TVG desde setembro de 1985. Durante estes máis de trinta anos tivo varios formatos pero nunca deixou de pensar no deporte galego, mais en concreto nos equipos de fútbol, tanto de Primeira División, como de Segunda, Segunda B e Terceira, pero sen esquecer o baloncesto, hoquei, balonmán, fútbol sala, atletismo, traiñas, e sen descoidar o deporte feminino. Calquera tipo de deporte sempre tivo cabida dentro do En Xogo como cabeceira principal, se ben tamén contou con «alguns fillos» como En Xogo Baloncesto, En Xogo Traíñas, En Xogo A Liga das Cidades, A Xornada En Xogo, etc.

O primeiro presentador do programa foi Ovidio González pero por aí pasaron boa parte da redacción de Deportes de TVG, con nomes como Manuel Pampín, Jorge Mariñas, Sergio Delpont, Terio Carrera, Alfonso Hermida, Oscar Benigo ou Gustavo Varela.

Como programa deportivo é sen dubida unha das mellores canles para potenciar o uso do noso idioma entre os mais novos e normalizando o uso do galego entre o pobo galego e coas emisións para América e Europa. Contou ademais cunha boa representación feminina o longo destes mais de 30 anos de emisión, xa que por el pasaron Ana Carragal, Araceli Gonda, Carme Otero, Leticia Piñeiro, Loreto Costa, Irene Lourido, Bibiana Cabo ou Patricia Rodríguez Yuste. Algunhas delas teñen o privilexio de seren pioneiras na transmisión de partidos de fútbol, xa non só a nivel estatal senón internacional entre outros deportes.

Na foto, de esquerda a dereita, o equipo actual de presentadores de En Xogo: Carlos García Verdugo, Oscar Benito, Gustavo Varela e Luis Timiraos.

marta villarEn Xogo

Categoría: Novas
Etiquetas: