- Esta mañá tivo lugar a rolda de prensa de presentación do II Foro da Industria Galega do Audiovisual que organiza a Academia Galega do Audiovisual.
- O presidente da Academia resaltou que a cuestión lingüística supón unha “especial preocupación” nestes momentos.
Martes 5 de novembro de 2024 | Hoxe tivo lugar a rolda de prensa de presentación do II Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA), que se celebrará entre os días 7 e 9 de novembro na Cidade das TIC da Coruña, baixo o lema “A lingua e o audiovisual”. O foro servirá para analisar a diversidade lingüística no sector audiovisual, co obxectivo de valorar a situación actual e debater retos de futuro. Durante tres días, máis de 30 profesionais e expertos tratarán os retos e oportunidades que implica a produción e exhibición de contidos audiovisuais en linguas minorizadas.
O acto contou coa intervención de Álvaro Pérez Becerra, Presidente da Academia Galega do Audiovisual; Avia Veira, Deputada Provincial da Deputación da Coruña; Gonzalo Henrique Castro Prado, Concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña; María Soliña Barreiro, Coordinadora de contidos de FIGA; e Saamira Ganay, integrante da xunta directiva da Academia.
Álvaro Pérez Becerra resaltou que a cuestión lingüística ocupa “un lugar importante” para Academia Galega do Audiovisual e que amais supón unha “especial preocupación”, ao tempo que valorou a necesidade de “parar para reflexionar” sobre este tema, nun momento como o actual no que as noticias se suceden a gran velocidade. Na mesma liña, a deputada provincial Avia Veira salientou a importancia do foro como un espazo “no que parar, reflexionar e tomar ideas” sobre un tema “fundamental” como é a nosa lingua, despois da publicación dos resultados da enquisa de coñecemento e uso do idioma galego do Instituto Galego de Estatística. Pechando o acto, Gonzalo Henrique Castro Prado, Concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, reivindicou a necesidade de promocionar o galego no audiovisual: «falando de futuro, temos que facelo tamén do da nosa lingua, unha ferramenta e un tesouro común que estamos obrigados a defender desde calquera posición».
A docente e investigadora María Soliña Barreiro, coordinadora de contidos de FIGA, foi a encargada de debullar as sesións que compoñen o programa, que estará articulado en tres xornadas temáticas: a do xoves 7 de novembro leva por título “Na procura da nova televisión: públicos mozos, accesibilidade e referentes renovados” e centrarase no desafío de captar ás audiencias máis novas, mantendo a diversidade lingüística como valor diferencial.
A do venres 8 está titulada “Unha esfera cultural propia: producir en linguas minorizadas ou minoritarias” e, nela, analizarase o impacto de crear contidos en linguas non hexemónicas.
Para rematar, as conferencias da xornada de clausura, o sábado 9, “Cara un circuíto estable e unha normalización na lingua do audiovisual”. A xornada de clausura explorará as posibilidades de avanzar cara a un sistema audiovisual galego sólido que permita a normalización efectiva do uso da lingua galega.
O Foro da Industria Galega do Audiovisual – FIGA é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual realizada grazas ao apoio do Concello da Coruña e a área de cultura da Deputación da Coruña, que conta nesta edición coa colaboración da Cidade das TIC e o Grupo de Estudos Audiovisuais da USC.