As academias de cine e audiovisual da península lideran os protocolos de actuación fronte ás situacións de acoso no sector

15 / 10 / 2024

  • O encontro contou coa participación de dezaseis representantes das academias peninsulares

Ourense 15 de outubro de 2024 | O 3 de outubro clausurouse o VIII Encontro de Academias de Cine e Audiovisual, onde se presentaron as diferentes iniciativas que están a poñer en marcha as academias da península para facer fronte ás situacións de violencia e acoso.

O encontro contou coa participación de dezaseis representantes das seguintes academias peninsulares: a Academia Galega do Audiovisual, que actuou como anfitrioa, a Academia de Cine de Andalucía, a Academia Aragonesa de Cine, a Acadèmia de Cinema Català, a Academia de Cine de Extremadura, a Academia Portuguesa de Cinema e a Acadèmia Valenciana de l’Audiovisual. Ademais, a Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España e o Ministerio de Cultura participaron como institucións convidadas.

As e os profesionais do audiovisual dos distintos territorios do Estado, representados a través das súas academias, están a liderar a creación de protocolos de prevención e actuación fronte a situacións de violencia e acoso, como quedou patente no transcurso do encontro, coa presentación da Unidade de prevención contra as violencias no sector cultural do Ministerio de Cultura e a Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España; o Departamento contra os abusos no sector audiovisual e das artes escénicas de Cataluña, posto en marcha pola Acadèmia del Cinema Català; e o Protocolo de prevención e medidas contra o acoso por razón sexual, de xénero e/ou abuso de poder dentro do ámbito laboral das artes escénicas e audiovisuais valencianas, unha iniciativa de CIMA, a asociación de Actores y Actrices Profesionales Valencianos, a Asociación de Empresas de Artes Escénicas del País Valencià e a Academia Valenciana del Audiovisual.
Presentación do Departamento contra os abusos no sector audiovisual e das artes escénicas de Cataluña

Durante as sesións de traballo tamén se puxeron en común os diferentes avances prevención do abuso e o acoso en cada institución e avanzouse nos pasos a seguir co obxectivo de fixar uns protocolos claros, útiles e transversais.

As distintas iniciativas están dirixidas a concienciar e formar ás e aos profesionais do sector audiovisual e cultural sobre a importancia de garantir contornas de traballo seguras e libres de violencia, promovendo á vez unha cultura laboral que rexeite o acoso.

Amais das presentacións abertas ao público, nas que tamén se incluiu a sesión informativa sobre o terceiro Convenio de técnicos da industria audiovisual, as academias celebraron dúas xuntanzas de traballo nas

que abordaron, desde a diversidade, desafíos, problemáticas e intereses comúns. Ademais de valorar moi positivamente o intercambio de experiencias, afastando a sensación de loita en solitario que pode quedar no traballo do día a día, os participantes quixeron destacar a consolidación do Encontro, e salientar a importancia da coordinación entre as distintas Academias.

Alba Gallego, da directiva da Academia Galega do Audiovisual, anuncia a concesión do LIC a Allariz.

Para finalizar, os representantes das academias quixeron destacar a importancia dos Lugares de Interese Cinematográfico ao non existir “un catálogo equiparable” noutros países. Cómpre lembrar que, no transcurso do encontro tamén foron anunciados os lugares distinguidos en 2024  como Lugares de Interese Cinematográfico – LIC: a vila de Allariz, o Casco histórico de Córdoba, o castelo de Loarre, o Xixón de Volver a empezar, os Estudios Balcázar, Cáceres como Conxunto Histórico e Monumental, o café Vá-Vá lisboeta e a localidade de Peñíscola.

O VIII Encontro de Academias de Cine e Audiovisual celebrouse grazas ao apoio da Deputación de Ourense.

Fotografías: AGA / Aigi Boga

Categoría: Novas
Etiquetas: