O Ciclo Mestre Mateo regresa ás salas galegas

18 / 09 / 2024

A Coruña, 18 de setembro de 2024 | O Ciclo Mestre Mateo regresa esta semana ás salas coa proxección do filme “Fatum” en Cedeira. Será o venres 20 de setembro a partir das 21:00 horas no Auditorio Municipal. A partir de entón e ata finais de ano, 23 concellos de toda Galicia volverán albergar as proxeccións das películas finalistas nos XXII Premios Mestre Mateo.

Lugo volve ser a provincia con máis concellos participantes, con oito en total: A Pobra de Brollón,  A Fonsagrada, Chantada, Foz, Meira, Monterroso, Sarria e Vilalba. Na Coruña, A Laracha, Betanzos, Boiro, Cedeira, Valdoviño e Vimianzo serán as seis localidades encargadas de acoller as proxeccións de cinema galego, o que supón unha máis que en 2023.

En Ourense A Rúa, Celanova, O Barco, San Cristovo de Cea e Verín forman parte da rede de salas do ciclo desde a primeira edición. E, no caso de Pontevedra, serán catro concellos, un menos que na pasada edición: As Neves, Cerdedo-Cotobade, Moraña e Ribadumia.

A programación está composta por oito películas: catro longamentraxes de ficción e catro documentais, que dan conta do bo momento que está a vivir o audiovisual galego. Despois do seu exitoso paso polos festivais de San Sebastián e Málaga, “O corno” e “Matria” foron as grandes vencedoras da XXII edición dos Premios Mestre Mateo. O filme de Jaione Camborda foi o máis premiado da edición ao facerse con sete galardóns, mentres que “Matria” recibiu cinco. O thriller “Fatum” e a película de ciencia ficción “¡Salta!” completan as longametraxes de ficción do ciclo, no que tamén se poderán ver os seguintes documentais: “Emoción, vida e teatro, a nave das Marías”, “A viaxe de Lucy”, “Chichi e mais eu” e a gañadora do Mestre Mateo ao Mellor documental “Os espazos en branco”.

O regreso do Ciclo Mestre Mateo ás catro provincias galegas é posible grazas á colaboración da Academia Galega do Audiovisual coas Deputacións da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Categoría: Novas
Etiquetas: