O alcalde de Lobeira recibe o distintivo que acredita a Facós como Lugar de Interese Cinematográfico

26 / 10 / 2023

Ourense, 26 de outubro de 2023 | O director da Academia Galega do Audiovisual, Miguel Mariño, fixo entrega a Antonio Iglesias, alcalde do concello de Lobeira, do distintivo que acredita á aldea de Facós como Lugar de Interese Cinematográfico – LIC nunha recepción que tivo lugar esta mañá no concello ourensán.

Antonio Iglesias manifestou a súa ledicia porque a aldea de Facós, situada no concello do que é alcalde, fose recoñecida como o primeiro LIC da comunidade galega, unha distinción que considerou un motivo de orgullo para todos os veciños de Lobeira. Miguel Mariño agradeceu a acollida dispensada e quixo lembrar a relevancia que O carro e o home, o filme rodado en Facós, ten na historia da cinematografía galega. A continuación, os dous visitaron a aldea e a casa do seu ilustre veciño, Xaquín Lorenzo Xocas, artífice da rodaxe do filme e responsable da conservación da copia do mesmo que chegou ata os nosos días.

As Academias de cine e audiovisual da península son as encargadas de designar cada ano o Lugar de Interese Cinematográfico do territorio ao que representan, un recoñecemento que resalta a riqueza cultural e cinematográfica de cada territorio e fomenta a preservación e promoción destes espazos que contribuíron de maneira significativa á historia e á identidade audiovisual da península.

A aldea ourensá forma parte dun directorio de espazos cunha especial relevancia para o audiovisual peninsular, ben sexa polo seu valor fílmico, histórico ou simbólico, no que tamén están incluídos o deserto de Tabernas (Almería), Sos del Rey Católico (Zaragoza), Llanes (Asturias), a Colexiata de Sant Vicenç de Cardona (Barcelona), Guadalupe e o Xeoparque de Villuerca-Ibores-Jara (Cáceres) a Tóbis Portuguesa (Lisboa) e L’Albufera (Valencia).

O anuncio da distinción Lugares de Interese Cinematográfico – LIC foi presentada no marco do VII Encontro de Academias de Cine e Audiovisual organizado grazas ao apoio da Deputación de Ourense.

Fundamentacións da Academia Galega do Audiovisual para escoller á Aldea de Facós como Lugar de Interese Cinematográfico 

Este enclave acolleu a rodaxe dunha obra senlleira na historia da cinematografía galega, O carro e o home, que naceu da unión de dous talentos: o etnógrafo Xaquín Lorenzo Xocas e o cineasta Antonio Román. A película está fortemente influenciada polo cinema  soviético e sobre todo, polo traballo de Robert J. Flaherty, pioneiro e mestre dun cine etnográfico que O carro e o home puido emular ao reunir a capacidade cinematográfica de Román co fondo coñecemento -e acceso- que Xocas tiña do asunto a tratar: a vida do carro no rural galego. Xocas sentía auténtica paixón polo carro como elemento fundamental na vida cotiá do agro, e Antonio Román viu naquel tema unha oportunidade única de amosar a súa capacidade como cineasta. 

A filmación tivo lugar en 1940 na aldea de Facós (Ourense), onde Xocas tiña casa. O equipo era mínimo -o propio Xocas, Antonio Román, e Carlos Serrano de Osma como asistente de Román- e tamén o era a produción: Román levaba a súa propia cámara e corría cos gastos dun orzamento moi axustado.

Da película existen actualmente dúas versións, froito da peculiar peripecia que O carro e o home experimentou  logo da rodaxe. Unha é a que  Carlos Serrano de Osma concluíu en 1945, a partir dunha primeira montaxe de Román , e que levou por título El hombre y el carro. Esta versión deuse por desaparecida durante máis de corenta anos. Mentres tanto, nos anos setenta o cineasta Eloi Lozano soubo da existencia dun copión que Román lle enviara a Xocas como recordo daquela experiencia conxunta e decidiu recuperalo. O propio Xocas redactou e locutou un off acompañando as imaxes, nunha versión que levou por título O carro e o home.

O Carro e o home, xunto con Galicia de Carlos Velo, son os únicos filmes que se conservan dun conxunto de obras que na Segunda República apuntaban a un cinema galego de indubidable ambición artística e social, e que, logo da Guerra Civil, apenas preservamos máis cá memoria: son películas coma Canto de emigración, do propio Antonio Román; Por unha Galiza nova, realizada polos irmáns Barreiro dentro da campaña do Partido Galeguista a prol do Estatuto de Autonomía ou Mariñeiros de Xosé Suárez.

Categoría: Novas
Etiquetas: