Sonia Méndez: «O Interplay é unha familia e esa é unha das cousas das que máis orgullosas nos sentimos»

16 / 09 / 2021

En 2014 nacía, no corazón da Costa da Morte, un evento pioneiro. Tratábase do primeiro festival de webseries celebrado en España que, un ano máis tarde, se transformou en festival de contidos dixitais. Desde entón o Carballo Interplay é a cita de referencia para coñecer a actualidade dos contidos dixitais para profesionais e público, coa nosa asociada Sonia Méndez á fronte. 

Falamos con esta cineasta, actriz e vicepresidenta da xunta directiva da Academia para facer balance dunha oitava edición que deixou un pouso especial “sempre que remata unha edición penso que vai ser difícil superala, nesta edición pásame iso multiplicado por mil”. Despois da edición de 2020 celebrada de xeito virtual a causa das restricións impostas pola pandemia, tocaba volver a unha certa normalidade “creo que fixemos unha edición moi completa en varios niveis, en contidos e reforzando a Zona Pro”.

Sonia Mé´ndez na VIII edición do Carballo Interplay.

Cando o puxestes en marcha en 2014 imaxinabades chegar ata aquí? 

Unha nunca imaxina que un proxecto vaia acompañala tantos anos. Convírtese en algo que forma parte da túa vida, do teu día a día… porque non se programa unhas semanas antes, tes que ter a mirada atenta para nutrir o festival todo o ano. E nisto dos contidos dixitais, imaxina, cada día pode aparecer algo novo e interesante.

Nesta edición volvestes á presencialidade, pero mantendo bastante repercusión das emisións en liña a través de YouTube, Twitch e Facebook live. Por exemplo, as entradas para Rajando con Carolina Iglesias, Victoria Martín e Henar Álvarez esgotáronse en tempo récord e o streaming acadou máis de 2000 visualizacións. Tamén se esgotaron para Puedo hablar?! con Esnórquel e Perra de Satán que obtivo case 800 visualizacións; a emisión de Masters da Internet, primeiro encontro transversal de creación galega online foi vista por 700 persoas. Coidas que a programación en liña chegou para quedar?

O Interplay xa emitía en liña antes de que tivesemos que quedar na casa. Agora convertiuse en algo máis normalizado, nunha ferramenta que expande o teu festival máis alá da sala e da presencialidade. Nós seguiremos emitindo en streaming porque tamén xeramos contidos que deixamos na nosa canle. Se non puideches asistir a unha charla, panel, presentación ou show podes velo despois na túa casa. Pero sempre digo que un festival é un lugar de encontro, que nós comezamos co lema de facer real o virtual e seguimos a tope con iso. No Interplay, cara a cara, é onde xorden e xurdiron colaboracións e alianzas que son e foron moi proveitosas.

Sonia Méndez presentando En galego, en construción. Pitching de proxectos de webserie.

“Sempre digo que un festival é un lugar de encontro, que nós comezamos co lema de facer real o virtual e seguimos a tope con iso”.

Sonia Méndez, directora do Carballo Interplay

Nestes anos, o festival constituiu unha canteira para a produción de series web en Galicia. Que sintes cando ves proxectos que se iniciaron no Interplay galardoados con premios como, por exemplo, os Mestre Mateo?

Sinto… misión cumprida!. Cando comezamos non había nada, todo era campo! Non había nin un lugar físico onde os creadores e creadoras se puidesen coñecer, compartir experiencias. Tampouco había ningún xeito de conseguir cartos para a produción dunha serie para internet. Dende o Interplay sempre tivemos claro que queriamos axudar e contribuir á produción de contidos dixitais en lingua galega. Internet é o que consumen a xeracións máis novas, creo que niso non hai xa dúbida algunha, e se non fomentamos contidos en galego na casa que habitan pois o galego… Así que abrimos varias vías: o premio a serie VO galega, a premio de 3000 euros á produción de serie en galego, o campamento Kamikaze do que cada ano saen varios capítulos de Dinosaurio e o apoio e visibilidade no festival de creadores e creadoras na nosa lingua.

“Dende o Interplay sempre tivemos claro que queriamos axudar e contribuir á produción de contidos dixitais en lingua galega”.

Sonia Méndez, directora do Carballo Interplay

Numerosos profesonais de referencia da creación de contidos dixitais pasaron polo festival: David Sáinz e Teresa Segura, Brays Efe, Percebesygrelos, Venga Monjas, Isa Calderón, Malena Pichot, Los Prieto Flores ou Living Postureo. Hai algún deles que te sorprendera especialmente? Por que?

Todas e todos me sorprenderon e todas e todos fan traballos excepcionais. Non podo quedar con ningún pero obviamente teño especial cariño por David [Sáinz] e Tere [Segura] que son os nosos padriños ever e que viñeron e apoiaron o Interplay dende a primeira edición. Eles son familia. Aínda que pasa con moitas convidadas e convidados, Carolina Iglesias [Percebesygrelos] xa leva varias e tamén é da casa. O certo e que eses días en Carballo xerase un ambiente familiar e todas repiten ou queren voltar. O Interplay é unha familia e esa é unha das cousas das que máis orgullosas nos sentimos a equipa.

En 2018 puxestes en marcha a Zona PRO, un espazo para profesionais que quere favorecer as conexións entre a creación e a produción, este ano con Portugal como país convidado. Temos que mirar máis cara a Portugal no eido dos contidos dixitais?

Temos que mirar máis a Portugal en todo. Estamos ao lado, somos veciños e penso que establecemos poucas sinerxias de colaboración. Foi un luxo telos connosco e sei que imos seguir traballando xuntas. Eu son do Baixo Miño, alí sempre dicimos “menos mal que nos queda Portugal”. Esta edición convidamos a seis produtoras de xente nova e moi fresca, tamén Canal 180 e a RTP Lab e foi moi moi proveitoso.

Zona PRO do VIII Carballo Interplay

Compaxinas a dirección do festival co teu traballo como cineasta e actriz e tamén formas parte da directiva da Academia. Como organizas o teu día a día?

A verdade é que non sei (risas). Teño unha axenda analóxica, desas de papel, pero non llo digas a ninguén.

Podes adiantarnos, ademais do Interplay, en que estás a traballar nestes momentos?

Agora estou centrada en Cósmica Producións, a produtora que teño con Nati Juncal. Estamos no camiño de facer a miña primeira longa na dirección, As Neves. Tamén na distribución de A Poeta Analfabeta, o documental sobre Luz Fandiño e na postprodución da curtametraxe de Lucía Estévez O Neno Sardiña. E tamén podo dicir, xa non é sorpresa porque o desvelamos no Interplay, que  imos facer un documental sobre os dez anos da serie Angélica y Roberta que se cumpren agora.

Vídeo resumo do VIII Carballo Interplay

Fotografías: Leo López

Categoría: Entrevistas / Novas
Etiquetas: