Será o venres día 10 ás 16,00 horas da tarde, cando se inaugure o Taller de Dereito Audiovisual que organiza a Academia Galega do Audiovisual, un acto que se celebrará na sé do Colexio de Avogados da Coruña –como todo o Taller-, e ó que asistirán por parte deste organismo o letrado Miguel Lorenzo Torres, e en nome da Academia estarán a súa xerente, Mamen Quintas, e Isabel Blanco, membro da Xunta Directiva da mesma.
O VENRES INAUGÚRASE O TALLER DE DEREITO AUDIOVISUAL ORGANIZADO POLA ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL
Será inaugurado na sé do Colexio de Avogados da Coruña ás 16,00 hs
Mércores 8 de xuño 2005.- Será o venres día 10 ás 16,00 horas da tarde, cando se inaugure o Taller de Dereito Audiovisual que organiza a Academia Galega do Audiovisual, un acto que se celebrará na sé do Colexio de Avogados da Coruña –como todo o Taller-, e ó que asistirán por parte deste organismo o letrado Miguel Lorenzo Torres, e en nome da Academia estarán a súa xerente, Mamen Quintas, e Isabel Blanco, membro da Xunta Directiva da mesma.
A continuación do acto, comezará xa este Obradoiro que se celebrará a fins de semana (venres e sábados) que restan ata o 25 de xuño, en horarios de 4 a 8 da tarde os venres e de 10 da mañá a 2 da tarde os sábados. Está dirixido ós membros da Academia, ós técnicos de calquera especialidade audiovisual e actores e a avogados colexiados.
Este Obradoiro conta co patrocinio do Consorcio Audiovisual de Galicia, e Caixanova, e a colaboración da SGAE e a Fundación Autor, a Fundación Aisge, o Colexio de Avogados da Coruña, e o concello desta mesma cidade.
Os relatores do Obradoiro son Carlos Rogel Vide, catedrático de Dereito Civil, director da Revista General de Legislación y Jurisprudencia, director da colección Propiedad Intelectual da Editorial Reus, e Presidente da Asociación para o Estudo e a Ensinanza do Dereito de Autor. Tamén está Vicente Arias, xefe de sección de propiedade intelectual do despacho de avogados Albiñana Suárez de Lezo; Elena Asensio Cantera, asesora Xurídica da Sociedade Xeral de Autores e Editores –SGAE- desde o 1991, e Cayetana Mulero San José, avogada, asesora e formadora en dereito audiovisual e xefa da Consultoría Legal de Sunset United Media, de Madrid.
A identificación de necesidades e a formación dos profesionais do conxunto do sector audiovisual galego, forman parte tamén dos fins da Academia Galega do Audiovisual. Dentro deste obxectivo se enmarca este Obradoiro Práctico de Dereito Audiovisual, que forma parte do Plan de actividades previstas para este ano 2005 na nosa institución.
Os obxectivos que se perseguen con este Obradoiro son o de coñecer tódolos contratos que se desprenden dunha obra audiovisual, ben sexa cinematográfica coma televisiva, unha coprodución, distribución, contratación de persoal técnico e artístico, vendas de dereito, e unha chea de situacións máis, nas súas vertentes tanto nacional coma internacional; por outra banda, quérese tamén ter un maior coñecemento no sector sobre a relación laboral dos técnicos e profesionais, os dereitos e as obrigas como traballador.
Unha exposición xeral das relacións xurídicas do audiovisual, obradoiros organizados por temas homoxéneos onde os asistentes aprenden a empregar e comprender cada un dos contratos, a obra audiovisual como obra protexida na lexislación de propiedade intelectual, os autores e os seus dereitos, unha comparativa dos 2 sistemas normativos da propiedade intelectual: sistema de dereitos de autor e sistema de Copyright; os actores e intérpretes, e os contratos na produción audiovisual e o papel do produtor audiovisual, son os contidos nos que se basea este Obradoiro.