O DIRECTOR E PRODUTOR DE CINE ENRIQUE NICANOR, RECOLLERÁ A MEDALLA DE OURO DA ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL

8 / 12 / 2005

O director e produtor de cine Enrique Nicanor, ourensán da comarca valdeorresa, recollerá o vindeiro venres 16 de decembro a Medalla de Ouro que lle será entregada polo Presidente da Academia Galega do Audiovisual Manolo Gómez, segundo decicíu a Xunta Directiva da mesma. Este galardón entrégase no marco da celebración do III Foro Academia Aberta que este ano terá como eixe central de debate a definición dos requisitos que debe ter unha produción audiovisual para considerala galega. A Academia Aberta 05 celebrarase os vindeiros días 15, 16 e 17 de decembro no Hotel AC Palacio del Carmen, en Santiago de Compostela. O DIRECTOR E PRODUTOR DE CINE ENRIQUE NICANOR, RECOLLERÁ A MEDALLA DE OURO DA ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL

O acto terá lugar no decurso da Cea de Gala que se celebra o vindeiro venres dentro do III Foro Academia Aberta 2005

A.G.A. xoves 8 decembro 2005.- O director e produtor de cine Enrique Nicanor, ourensán da comarca valdeorresa, recollerá o vindeiro venres 16 de decembro a Medalla de Ouro que lle será entregada polo Presidente da Academia Galega do Audiovisual Manolo Gómez, segundo decicíu a Xunta Directiva da mesma. Este galardón entrégase no marco da celebración do III Foro Academia Aberta que este ano terá como eixe central de debate a definición dos requisitos que debe ter unha produción audiovisual para considerala galega. A Academia Aberta 05 celebrarase os vindeiros días 15, 16 e 17 de decembro no Hotel AC Palacio del Carmen, en Santiago de Compostela. O Foro arrincará coa celebración de dous Obradoiros: un dedicado á Fotografía e dirixido a directores de fotografía, iluminadores, operadores e axudantes de cámara, así como a foquistas; e un segundo Obradoiro sobre Arte, aberto a decoradores, directores de arte, atrecistas, rexedores, axudantes e deseñadores.

Oficios da Fotografía cinematográfica

Coordinado por Alfonso Parra, comezará o primeiro Encontro o día 15 ás 10 da mañá, e nel, Alfonso Parra, director de Fotografía, Miguel A. Rodríguez, Xefe de Eléctricos, e Ramiro Sabell, Axudante de Cámara, exporán e afondarán no Proceso da creación fotográfica durante unha rodaxe. Logo, xa na tarde, de 16:00 a 19:00 horas, de novo Alfonso Parra, xunto con Pepe Jordana, coordinador de Efectos Dixitais, e Miguel Pérez, Eatalonador de Laboratorio, falarán do Desenvolvemento do proceso fotográfico na postprodución.

Nesta mesma xornada, en horarios de 10:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 19:00, Emilio Ruíz del Río conducirá outro Encontro sobre as Trucaxes e Maquetas no Cine e na Televisión.

A xornada do 16

Un Encontro conxunto de Fotografía e Arte será o contido da segunda xornada do Foro, que versará sobre o Desenvolvemento das ideas, o espazo cinematográfico, a cor, plantas e alzado. A rodaxe. Serán Emilio Ruíz, Alfonso Parra, Marta Villar e Suso Bello, quen conduzan de 10:00 a 13:00 horas esta Mesa.

Xa na tarde, de 16:00 a 18:00 horas, terá lugar unha nova Mesa conducida por Pepe Coira, quen fará unha Exposición do modelo de Cataluña, de Québec e de Irlanda. De 18:00 a 20:00 horas, outra Mesa formada por representantes de actores, directores, guionistas, produtores e técnicos, conformarán un Debate Aberto cos asistentes.

Pola noite, arredor das 22:00 horas, celebrarase a Cea de Gala dos Socios da Academia, na que se levará a cabo a entrega da Medalla de Ouro ó relevante persoaxe do mundo audiovisual non só galego, senón tamén internacional, Enrique Nicanor.

Clausura do 17

Esta derardeira xornada comezará ás 11:00 da mañá, e rematará ás 13:00 horas, e nela, presentaranse as conclusións da xornada anterior, así como por parte da Adminsitración, a súa proposta sobre o que é unha Produción Galega. Esta Mesa será coordinada polo Presidente da Academia Galega do Audiovisual, Manolo Gómez. Participarán nela Manuel Fernández Iglesias, director xeral de Comunicación Audiovisual; Jesús M. Iglesias Díaz, director da TVG, e Manuel González Álvarez, asesor en materia de Audiovisual da Consellería de Cultura, e profesor da Facultade de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo, no campus de Pontevedra.

A vida profesional de Enrique Nicanor

Naceu na Rúa, concello ourensá da comarca de Valdeorras. É Director e Produtor de cine e TV, e dirixe actualmente a empresa United Media, con base en Madrid, especializada en co-producións internacionais, desenvolvemento de proxectos, formación profesional e asesoría legal.

Dende 1965, Enrique Nicanor desenvolveu a súa actividade profesional entre Estados Unidos, Francia e España, producindo e dirixindo programas para cadeas como TVE, ARTE e mesmo Discovery Channel.

Despois de ter sido Director da Segunda Cadea de TVE (1983-1988), foi nomeado Comisario para Europa, representando a España, na creación do Programa Media da Unión Europea. Dende entón, é membro do Board of Directors EAVE do Programa Media da U.E., e experto en Formación de Empresas Audiovisuais.

No 1988 foi elixido Presidente de INPUT, The International Public Television, a organización internacional de TV, coa que organiza as Conferencias de Granada, San Sebastián, Stuttgart, Alemania, Fort Worth , USA e Halifax, .

Como experto en modelos de xestión, ordeamento xurídico e programación de TV, E. Nicanor foi asesor na creación de canles e xestión de programación en Europa, África e América Latina.

Parellamente á súa actividade como produtor e director, actualmente é Director do Máster Internacional en Desenvolvemento de Proxectos da ECAM, a Escola de Cinematografía e do Audiovisual de Madrid, e colaborador do Máster de Xestión Audiovisual da Universidade da Coruña.

Foi tamén Premio Ondas polo conxunto da súa obra en TV; Director do Máster Audiovisual da Universidade das Américas, en México, e Profesor convidado do Brooklyn College da City University of New York.

Entre as súas producións están:

Le Manege Enchantée, ORTF, Francia
Barrio Sésamo, TVE
Las Reglas del Juego, TVE
Federico García Lorca, Retrato de Familia, ARTE-TVE
Marte en La Tierra, Discovery Channel
El Duero, Historia y Ciencia del Vino de Oporto, Discovery Channel
Misterios del Botafumeiro, Discovery Channel
Misterios de Yucatán, Discovery Channel

Categoría: Noticias
Etiquetas: