O consumo de videoxogos supón o 35% do total do gasto en ocio audiovisual, situándose por diante da recadación do cine, a música e as películas de vídeo. O crecemento deste mercado nos últimos anos anima aos profesionais do sector audiovisual a iniciar proxectos nesta industria A INDUSTRIA DOS VIDEOXOGOS, OBXECTO DUN NOVO CURSO DO CONSORCIO AUDIOVISUAL DE GALICIA
O mercado dos videoxogos é un dos sectores emerxentes da industria da comunicación e o entretemento
O consumo de videoxogos supón o 35% do total do gasto en ocio audiovisual, situándose por diante da recadación do cine, a música e as películas de vídeo. O crecemento deste mercado nos últimos anos anima aos profesionais do sector audiovisual a iniciar proxectos nesta industria.
Por este motivo, o Consorcio Audiovisual de Galicia abre hoxe a convocatoria para o curso de Introdución á Industria dos Videoxogos que terá lugar do 12 ao 16 de marzo en Santiago de Compostela. O obradoiro está dirixido a profesionais e estudantes que desexen afondar os seus coñecementos neste eido.
O programa, que combinará a teoría e a práctica inclúe temas como a historia, plataformas, xéneros, desenvolvemento, licencias, ciclo e áreas de produción, márketing, financiamento, o mercado dos videoxogos, etc.
As clases serán impartidas por Juan Tamargo e Daniel González Jiménez, en sesións de tarde, de 16:00 a 22:00 h., sumando un total de 30 horas lectivas.
Juan Tamargo leva máis de 10 anos na industria dos videoxogos, traballando na Produción, Negociación e Dereitos para as plataformas.
Daniel González Jiménez é fundador da empresa Silicon Garage Arts. Entre outros proxectos, combina o desenvolvemento de videoxogos para PC cos proxectos para móbiles.
Para a organización desta actividade o Consorcio conta coa colaboración de distintas entidades, como o Centro Multimedia de Galicia. O obradoiro celebrarase na súa Sala Audiovisual (Rúa do Hórreo, 61).
Coa realización deste curso séguese a traballar no plan de formación para o ano 2007. No marco deste plan terán lugar os días 23 e 24 de febreiro unhas Xornadas de Pitching, en colaboración co CICA (Curso de Posgrao en Comercialización Internacional de Contidos Audiovisuais) da Universidade da Coruña e nas próximas semanas terá lugar a convocatoria de distintas accións formativas, como: dúas edicións de cursos de voz (unha para actores e outra para xornalistas); un segundo monográfico de inglés audiovisual, en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela; un obradoiro de curtametraxes, en colaboración co KIMUAK, programa de promoción da curtametraxe da Filmoteca Vasca, titorizado por Nacho Vigalondo e Borja Cobeaga; e un curso de edición de audio para técnicos de son.
Aquelas persoas interesadas poderán obter máis información no teléfono 981.545.063.