O Presidente do Clúster Audiovisual Galego, Antón Reixa, e o Secretario Xeral da fundación R, Juan Manuel Sánchez Padrós, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para crear unha oficina que promova a televisión dixital interactiva en Galicia. Esta unidade integrarase na estrutura do Clúster e será financiada pola fundación R cunha achega de 23.000 euros ata finais de 2007 e coa posibilidade de prorrogar o acordo.
O CLÚSTER AUDIOVISUAL GALEGO E A FUNDACIÓN R CREARÁN UNHA OFICINA PARA PROMOVER A TELEVISIÓN INTERACTIVA
• Antón Reixa, Presidente do Clúster, destaca a vocación tecnolóxica da nova oficina
• A TDT e a televisión dixital interactiva daranlle cabida aos novos produtos audiovisuais
• As empresas audiovisuais galegas recibirán asesoramento especializado para desenvolver produtos interactivos
O Presidente do Clúster Audiovisual Galego, Antón Reixa, e o Secretario Xeral da fundación R, Juan Manuel Sánchez Padrós, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para crear unha oficina que promova a televisión dixital interactiva en Galicia. Esta unidade integrarase na estrutura do Clúster e será financiada pola fundación R cunha achega de 23.000 euros ata finais de 2007 e coa posibilidade de prorrogar o acordo.
Trátase de poñer en marcha unha oficina onde un experto en tecnoloxía e modelos de negocio de televisión interactiva coordine e dinamice os contidos relacionados coa interactividade en televisión. O obxectivo primeiro é ofrecerlles asesoramento e apoio a todas as empresas audiovisuais que estean interesadas en desenvolver formatos interactivos e subministrarlles, así mesmo, información sobre axudas e subvencións para os proxectos ou suxerirlles canles de desenvolvemento dos seus negocios. Desta maneira, por exemplo, as axencias de publicidade, as produtoras de televisión e as propias canles televisivas atoparán, sen saír do Clúster, un referente para poñer en marcha os seus proxectos interactivos.
Antón Reixa salientou a vocación explicitamente tecnolóxica da nova oficina e a súa oportunidade, xa que se crea nun momento no que os axentes da industria audiovisual teñen grandes expectativas ante o novo modelo de negocio que a interactividade representa.
Televisión dixital interactiva e dixital terrestre
E xusto agora, a chegada da televisión dixital terrestre e a dixital interactiva están a converterse en factores determinantes para lle dar pulo e saída a todos eses proxectos das empresas audiovisuais galegas no presente e no futuro.
A interactividade vai cambiar radicalmente o xeito de relacionarse que ata a data tiña o espectador cos produtos audiovisuais, de maneira que será el quen agora decida que, como e cando quere que se lle sirvan os contidos. O público poderá interactuar co seu televisor e ata requirir máis información sobre as temáticas ou protagonistas dos programas que está a ver; o espectador, en definitiva, deixa de ser un suxeito pasivo para converterse nun suxeito activo e participar directamente no acto da comunicación audiovisual.
Un oco na web e unha comisión de seguimento
A nova oficina de promoción da televisión interactiva tamén terá un lugar na web do Clúster Audiovisual Galego (http://www.clusteraudiovisualgalego.com/)
para lles facilitar a todas as empresas o acceso permanente aos contidos, propostas e suxestións que saian desta unidade.
Ademais, formarase unha comisión de seguimento do traballo desenvolvido e realizaranse informes trimestais e finais para avaliar os resultados do proxecto e estudar a posibilidade de prorrogar o acordo se as conclusións son satisfactorias.
Juan Manuel Sánchez Padrós, Secretario Xeral da fundación R, subliñou que con este convenio, a fundación R responde unha vez máis ao seu obxectivo de difundir o coñecemento das novas tecnoloxías e á promoción da Sociedade da Información entre os particulares e as empresas de Galicia. Desta volta, a oficina do Clúster para promover a televisión dixital interactiva potenciará un novo xeito de entender a comunicación audiovisual, unha das claves das tecnoloxías neste século
Sobre o Clúster
O Clúster Audiovisual Galego, creado hai catro anos, está consolidado como unha alianza compacta e independente formada por 46 empresas asociadas, que representan as compañías máis innovadoras do sector audiovisual en toda a súa cadea de valor, dende a produción audiovisual para TV, a produción e distribución cinematográfica, a animación, operadores de telecomunicacións, centros tecnolóxicos, as televisións autonómica e locais, centros de formación audiovisual, así como empresas de servizos. No seu conxunto, este entramado de empresas factura máis de 100 millóns de euros anuais e proporciona emprego a máis de 2.000 persoas en Galicia.
Os obxectivos do Clúster pasan por consolidar a industria audiovisual de Galicia, a creación de emprego de calidade no sector e o establecemento de alianzas e sinerxias empresariais que permitan desenvolver proxectos punteiros que fagan da comunidade un referente no panorama internacional da creación audiovisual.
Sobre a fundación R
A fundación R é unha entidade sen ánimo de lucro que nace en 1999 co obxectivo de promover as telecomunicacións e as novas tecnoloxías en Galicia. Creada por R, o operador galego de comunicacións por fibra óptica, desenvolve unha serie de actividades que buscan achegarlles a Sociedade da Información aos cidadáns. Para isto, a entidade ten como primeira meta a interrelación directa coa Universidade, a empresa, a Administración e outros ámbitos sociais e culturais.
Anualmente a fundación R realiza, entre outras actividades, encargos de estudos sobre o mercado das telecomunicacións, acordos de colaboración coa administración autonómica ou intervencións en diversos foros. E todo isto, co obxecto de potenciar en Galicia un maior e mellor coñecemento e desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC).
Máis información
Luisa Fernanda Torres Malú Bergantiños
Quatroymedia Comunicación Comunicación/ R
luisa@quatroymedia.com mbergantinos@mundo-R.net
986 575 201 981 911 000