NOVAS DO SECTOR: XA SE COÑECE A PROPOSTA DE CURTAS NA REDE

28 / 02 / 2007

Xa coñecedes a proposta de Curtas na Rede. Esta é a nosa segunda cita e a intención de escribirvos é adiantarvos, trala súa presentación, como é a invitación que vos facemos. Como sabedes, o espírito motor desta idea é explorar e coñecer a creatividade que se agocha fóra da industria audiovisual. Este propósito, cos resultados obtidos na pasada convocatoria, está cumprido. XA SE COÑECE A PROPOSTA DE CURTAS NA REDE.

Xa coñecedes a proposta de Curtas na Rede. Esta é a nosa segunda cita e a intención de escribirvos é adiantarvos, trala súa presentación, como é a invitación que vos facemos. Como sabedes, o espírito motor desta idea é explorar e coñecer a creatividade que se agocha fóra da industria audiovisual. Este propósito, cos resultados obtidos na pasada convocatoria, está cumprido.

Por iso, seguindo con esta ilusión, informámosvos de como queda esta segunda convocatoria de Curtas na Rede que recolle todas as suxestións que nos fixestes chegar.

Para esta ocasión, Curtas na Rede amplía a súa oferta. A vosa imaxinación tense que aplicar nos seguintes temas:

– Xuventude, inmigración, medio ambiente, visións nosas / visións alleas (temática libre)

Cómpre dicir que estes non son temas pechados senón puntos de partida para toda a vosa imaxinación. Como na anterior convocatoria, as curtametraxes teñen que estar en galego, agás as categorías de inmigración e visións nosas / visións alleas que poden presentarse en calquera outra lingua. A intención da organización é ampliar a repercusión desta proposta a toda a poboación galega espallada ao longo do mundo e que seguro que ten moito que contar. Ademais, a organización, no caso de que a/s persoa/s gañadora/s residira/n fóra de Galicia, faríase cargo do traslado e estancia da/s persoa/s para a entrega de premios.

Outra novidade importante é que no momento de inscribirvos como participantes tedes a posibilidade de abrir unha bitácora de rodaxe. Este espazo blog, que tamén abriremos dende a organización, poderedes personalizalo e anotar todas aquelas reflexións, anécdotas, necesidades, etc. que vaian xurdindo en torno á vosa proposta de curtametraxe. Ese esforzo tamén optará a un premio.

Seguindo coas novidades, abrimos unha categoría nova: a micromovie. Esta non é máis que unha curtametraxe de temática libre non superior aos 30 segundos realizada só mediante teléfono móbil. Para esta categoría, a diferenza das curtametraxes que só se pode presentar unha obra por autor e tema, podedes presentar cantas obras consideredes.

Como vedes, as vías para participar amplíanse. A aposta da organización segue a ser cada unha das persoas que participen; e dende aquí, sirva esta primeira carta para poñernos á vosa enteira disposición.

Por último, respecto aos premios, á parte das categorías xa establecidas, incluímos unha achega vosa: o premio á mellor actuación masculina e feminina. Unha categoría non contemplada ata este momento, pero que coa súa inclusión esperamos reparar a inxustiza de non ter premiado esforzos tan bos como os vistos o pasado ano.

Por último, quero dicirvos que a inscrición xa está aberta e quen non tedes que cubrila de novo no caso de que xa participarades na anterior edición (so poñendo vosa dirección de correo electrónico no recado de inscrición, recibiredes no voso correo a contrasinal que asignáchedes e así podedes a partir desde momento comezar a realizar o que queirades); no caso de que teñades calquera dúbida sobre os vosos datos, dende a organización axudarémosvos para que podades personalizar a vosa páxina de Curtas na Rede. Nesta ocasión, o prazo límite para a presentación das obras remata o 15 de setembro de 2007.

Achegámosvos o material realizado con ocasión desta convocatoria; no caso de que desexedes o material orixinal, non tedes máis que pedilo e volo enviaremos ao enderezo que nos digades.

Dende aquí, só nos queda darvos as grazas por participar. Ánimo!

Categoría: Noticias
Etiquetas: