PEDRO AMALIO LÓPEZ, PREMIO DE HONRA FERNANDO REY DA ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL

20 / 04 / 2007

A Xunta Directiva da Academia Galega do Audiovisual, acordou por unanimidade conceder este ano o Premio de Honra Fernando Rey ó conxunto da súa traxectoria, a Pedro Amalio López, polo seu labor a prol do desenvolvemento dunha televisión feita totalmente en galego, e pola súa guía pedagóxica e profesional que aínda alumea en moitos profesioanis do audiovisual en Galicia.
PEDRO AMALIO LÓPEZ, PREMIO DE HONRA FERNANDO REY DA ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL

A Xunta Directiva da Academia Galega do Audiovisual, acordou por unanimidade conceder este ano o Premio de Honra Fernando Rey ó conxunto da súa traxectoria, a Pedro Amalio López, polo seu labor a prol do desenvolvemento dunha televisión feita totalmente en galego, e pola súa guía pedagóxica e profesional que aínda alumea en moitos profesioanis do audiovisual en Galicia.

Pedro Amalio López foi o primeiro Xefe de Realización da TVG, participando tamén na realización da primeira emisión desta canle o 24 de xullo de 1985. Na TVG foi realizador de Programas, pero sobre todo, foi un mestre para moitos dos que daquela, aprenderon con el televisión, e un gran guía cun impecable sentido da coherencia e da linguaxe audiovisual. Non só pretendía que os seus equipos realizasen os seus programas con acerto, senón que inculcaba a idea de que tódolos programas de televisión se facían para ser vistos por espectadores, incidindo sempre no respecto ás rutinas clásicas de cómo contar as cousas pensando sempre na audiencia, que era a destinataria última dos produtos audiovisuais.

E logo da TVG…

Despois da súa etapa en TVG, foi director de produción de TVE e logo, director adxunto de programas de TVE en 1987. A comezos dos anos 90 encargouse da coordinación de telecomedias como Habitación 503 ou Aquí no paga nadie.

Antes de todo isto, participou como realizador na primeira emisión oficial de televisión en España, feita por Televisión Española o 28 de outubro de 1956, onde se encargou de dirección de programas dende as instalacións do Paseo da Habana. Dende entón Pedro Amalio centrouse na realización e adaptación de espazos dramáticos para televisión: foron os famosos Estudio 1 dos anos 60 e 70, adaptacións nas que foi o primeiro realizador en España en utilizar decorados circulares, unidades móbiles para as gravacións de dramáticos en exteriores e un longo etcétera de logros técnicos e artísticos que o levou a ser considerado así mesmo como un gran director de actores. Así, por exemplo, na tempada 1961/62 asumiu a realización da serie de Adolfo Marsillach titulada Silencio…se rueda. Durante estes anos realizou obras como Dulcinea, Edén término, El viaje sin equipaje, Peribáñez, El perro del hortelano, La venganza de Don Mendo, Rinoceronte, Carlota… En 1965 obtivo unha enorme repercusión profesional co seu traballo de realización en Las brujas de Salem, con Gemma Cuervo, e a montaxe de Julio César, coa que por primeira vez nun espazo destas características sacou as cámaras á rúa.

Foi galardoado en 1967 coa Placa do ouro do Festival de Berlín -o primeiro premio internacional obtido na súa historia por TVE- pola obra Un mundo sin luz.

Con Jaime de Armiñán realizou a serie Las doce caras de Juan. En 1970 logra un éxito enorme dentro do programa Novela ca súa realización de El Conde de Montectristo, con Pepe Martín como protagonista. Un ano máis tarde aborda Los tres mosqueteros e La muerte de un viajante. La saga dos Rius sería un dos seus traballos mais sobranceiros dos anos 70.

Por este labor continuado a prol dos dramáticos en televisión, a Academia Española de las Artes y las Ciencias de la Televisión de España concedeulle, na súa primeira edición de galardóns en 1998, o premio Premio a Toda una Vida.

A súa constancia ó longo de 50 anos, a súa coherencia profesional e persoal, a valía humana e o seu traballo na posta en marcha da TVG, fan merecedor a Pedro Amalio López do Premio de Honra Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual.

Categoría: Noticias
Etiquetas: