O documental Fronteiras, producido por Pasacana Fims e dirixido por Rubén Pardiñas, foi seleccionado na sección competitiva do International Film Festival – FEST’07 que se desenvolverá na localidade portuguesa de Santa Maria da Feira do 20 de outubro ao 4 de novembro. A proxección será o 31 de outubro ás 18:00 horas, xunto ao documental Salvagens de Filipe Araújo. A sección competitiva inclúe, ademais, os documentais portugueses Rockumentário de Sandra Castiço, Gentes do mar de Dânia Lucas e Bom dia, noite de Rui Costa, os brasileiros Contra Tempo de Ricardo Santini e Isabel Ribeiro, Através das grades de Renato Cavalcanti e Mestre Babalu de Clarissa Rebouças, os españois Los borbones, sé mongol de Fran J. S. C. e Regular de Alfonso Nogueroles, o australiano Wittenoom de Caro Macdonald, o arxentino Todos por $1 de Maximiliano González, o eslovaco Moya teta timrava de Katarina Kocalkova, e o surafricano Birdman de Rob Nicholls.
O FEST é un festival internacional de cinema no que se proxectarán máis de 100 películas, entre documentais, longametraxes e curtametraxes de ficción. Inclúe una selección de curtametraxes galegas, un encontro de estudantes de cinema e un festival de música, o FESTSOUND 2007.
Fronteiras é un percorrido polos límites xeográficos e culturais de Galicia, un achegamento a diversas cuestións estreitamente ligadas ás situacións fronteirizas: irredentismo político, continuum lingüístico, asimilación cultural, etc. Nel interveñen escritores como Xosé Luís Méndez Ferrín ou Anxo Angueira, políticos como Xosé Manuel Beiras ou Manuel Fraga, así como os habitantes das zonas limítrofes con Galicia en Asturias, León, Zamora e Portugal.
Máis información:
http://www.fest.pt/wp/cinemavideo/
http://fronteiras.blog.com/