A ÚLTIMA PRODUCIÓN DE ADIVINA «EL HOMBRE DE ARENA» CHEGA AOS CINES

8 / 11 / 2007

A noite do sete de novembro celebrouse a preestrea de «EL HOMBRE DE ARENA» no Palacio da Música da Gran Vía de Madrid e o día 9 farao nas salas comerciais de toda España. Trátase dunha co produción entre a galega Adivina Producciones, Iroko Films e Las Siete Sillas que conta cun casting excepcional encabezado por Hugo Silva, María Valverde e Miguel de Lira.
Á estrea acudiron a produtora executiva de Adivina Producciones, Susana Maceiras, o produtor executivo de Iroko Films, Harold Sánchez, xunto cos actores principais e o director da película José Manuel González-Berbel.

A banda sonora foi composta por Cristina Pato, a gaiteira galega de maior prestixio internacional, que reside actualmente en Nova York onde compaxina os seus estudos de doutorado (Doutor of Musical Arts) en Rutgers University co seu traballo como compositora e intérprete.

A película narra a historia dun Hospital Psiquiátrico a finais dos 60, recinto que baixo a tiranía do seu director e a vixencia da Lei de Vagos e Maleantes, alberga a enfermos e vagabundos sen distinción.

Co ingreso ao Hospital de Mateo (Hugo Silva), un indomable idealista trotamundos máis próximo á xenialidade que á tolemia, o hospital sairá da súa rutina diaria, cambiando a vida dos internos, especialmente a de Lola María Valverde), nova e guapísima reclusa maltratada desde nena.

«EL HOMBRE DE ARENA» supón para o director José Manuel González-Berbel o seu primeiro traballo cinematográfico, que tivo un bo arranque xa que a película foi seleccionada para o Festival de Ópera Prima de Tudela.

Categoría: Noticias
Etiquetas: