SEISCENTOS OITO DOCUMENTAIS, CINCUENTA E SEIS PAÍSES, A CUARTA EDICIÓN DE PLAY-DOC ESTA EN MARCHA

11 / 12 / 2007

Seiscentos oito foi o número exacto de documentais que se presentaron á preselección para a cuarta edición de Play-Doc, Festival Internacional de Documentais de Tui, que terá lugar na localidade pontevedresa en marzo de 2008.
Case cen traballos máis que o ano anterior e a participación de novos países como Grecia, Belice, Camboia ou Namibia son as notas relevantes desta nova convocatoria que bateu de novo o seu record de participación con obras de cincuenta e seis nacionalidades pertencentes aos cinco continentes.

Unha vez máis, a maior presenza segue sendo a Europea, España, Francia, Alemaña, Bélxica e Países Baixos son os países desde os que máis traballos se recibiron, sendo tamén notable a chegada de cintas provenientes de Europa do Leste, como Eslovaquia, Serbia, Croacia, República Checa, Rusia ou Polonia.

Tamén destaca a alta participación de obras producidas en Canadá, México e Israel, e por suposto a do país veciño, Portugal. Así mesmo cabe resaltar o gran número de películas documentais producidas na nosa comunidade que este ano supera a trintena.

A magnífica resposta obtida nesta nova convocatoria pon de manifesto o auxe do festival tudense e a súa gran transcendencia máis aló do ámbito local. Play-Doc continúa en plena efervescencia e promete para a súa edición do 2008 unha interesante programación de cine de non ficción cunha ampla variedade de contidos e unha gran riqueza cultural.

Categoría: Noticias
Etiquetas: