IMPORTANTE PRESENCIA DE CONTINENTAL ANIMACIÓN NO FUTURE FILM FESTIVAL

15 / 01 / 2008

As longametraxes De Profundis e A Crise Carnívora, e a curtametraxe A flor máis grande do mundo acuden ao festival italiano de animación

As últimas producións da división de animación de CONTINENTAL foron seleccionadas para participar en diferentes seccións da próxima edición do festival de animación e efectos especiais Future Film Festival, que terá lugar en Bolonia do 15 ao 20 de xaneiro. Nesta décima edición do festival, na sección oficial a competición atópase De Profundis, a longametraxe de animación dirixida por Miguelanxo Prado con música de Nani García, que xa viaxou con éxito a outros festivais en San Sebastián, Corea, Portugal ou Estados Unidos. Recentemente foi tamén seleccionada para participar en Anifest 2008, o festival internacional de animación que terá lugar en maio na República Checa.

A obra, que foi coproducida con Desembarco e a portuguesa Zeppelin Filmes, optou o ano pasado ao Goya á Mellor Longametraxe de Animación, e nesta ocasión é a única produción española que optará ao Lancia Platinum Grand Prize que otorga o Future Film Festival.

Pola súa parte, a animación máis gamberra e corrosiva chega da man de A Crise Carnívora, a primeira longametraxe en animación flash para a gran pantalla, que estivo recentemente no Festival de Sitges e no Zinebi, e agora preséntase en Italia na sección fóra de competición.

A flor máis grande do mundo, a última curtametraxe dirixida polo director galego Juan Pablo Etcheverry e producida por CONTINENTAL, proxectarase en Bolonia xunto a outras de súas obras como parte da homenaxe que rinde o festival á animación española este ano. O propio director acudirá alí a presentala como parte do tributo.

A curta, baseada nun conto de José Saramago e con música de Emilio Aragón, está nomeada na categoría de Mellor Curtametraxe de Animación dos Premios da Academia. O resultado farase público na Gala dos Goya o próximo 3 de febreiro.

Categoría: Noticias
Etiquetas: