O Consorcio Audiovisual de Galicia organiza entre os días 12 e 16 de maio unha mostra de cine coas producións cubanas de maior recoñecemento nos últimos anos. Para a apertura, que terá lugar o venres 9, contarase co trobador cubano Santiago Feliú.
Os acordos alcanzados na Habana entre o Consorcio Audiovisual de Galicia e a Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia co Instituto Cubano del Arte e Industria Cinematográficos (ICAIC), en abril de 2007 con motivo do I Encontro Audiovisual Galicia-Cuba, incluían a intención de organizar con carácter bienal Mostras de Cine Galego en Cuba e de Cine Cubano en Galicia, animados pola intención de ampliar as canles de difusión dos seus respectivos patrimonios audiovisuais e para afianzar as relacións institucionais, profesionais e artísticas de ambas cinematografías.
As proxeccións da Mostra de Cine Cubano en Galicia se desenvolverán no Teatro Principal ás 20 h. entre os días 12 e 16 de maio e terán carácter gratuíto, previa recollida de entradas no despacho de billetes.
Programaranse as películas de maior éxito da cinematografía cubana nos últimos anos. Os títulos dos que poderá gozar o público son El Benny (Jorge Luis Sánchez, 2006), Tres veces dos (Pavel Giroud, Lester Hamlet e Esteban Insausti, 2004), Nada (Juan Carlos Cremata, 2001), La Pared (Alejandro Gil, 2006) e Viva Cuba (Juan Carlos Cremata, 2005).
A película inaugural, El Benny, que se proxectará o luns 12, é un filme inspirado na vida do músico cubano Benny Moré, recoñecido artista que a través da música e do baile fixo delirar ás multitudes. Foi a produción seleccionada por Cuba para a candidatura aos Premios Oscar no 2007 e xa percorreu un importante número de festivais internacionais nas súas seleccións oficiais.
O resto das películas acumulan premios en festivais como os de Montreal, La Habana, Miami, Cannes, El Cairo… e algunhas delas foron candidatas aos Premios Goya en España ou aos Ariel en México.
Trátase dunha nova acción orientada ao obxectivo de ofrecer ao público galego produtos cinematográficos de calidade, nalgúns casos inéditos en España, xa que aínda non foron estreados nos circuítos comerciais.
A apertura da Mostra contará coa actuación de Santiago Feliú
No acto de apertura da Mostra, que terá lugar o día 9 na sede da SGAE ARTeria Noroeste, contarase coa presenza de Fernando Salgado, Presidente do Consorcio Audiovisual de Galicia e Secretario Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, Susana Molina, Vicepresidenta de Relacións Internacionais do ICAIC (Instituto Cubano del Arte e Industria Cinematográficos), Iván Giroud, Director do Festival Internacional del Nuevo Cine Latinoamericano da Habana e Héctor Noas, actor protagonista de La pared. Ademais haberá unha actuación musical a cargo de Santiago Feliú.
Santiago Feliú é o trobador cubano de maior proxección nacional e internacional da segunda xeración do Movimiento de la Nueva Trova. Posúe unha extensa traxectoria artística de máis de 25 anos compoñendo cancións e pisando escenarios de Cuba enteira e de todas as partes do mundo, aínda que o seu sitio preferido para vivir é e o foi sempre a súa Cuba natal. Gravou 9 discos propios e participou en numerosos proxectos colectivos e como artista convidado en moitos outros. Músicos da talla de Silvio Rodríguez, Joan Manuel Serrat, Joaquín Sabina, Fito Páez, Pablo Milanés ou Luis Eduardo Aute e tantos outros dan crédito do talento creativo musical de Santiago, participando tanto dos seus concertos cantando algunhas cancións xuntos ou asistindo aos mesmos como parte do seu público.
Ultimamente participou do segundo volume do disco Cuba le canta a Serrat, abrindo o segundo CD cunha fermosa versión do coñecido Mediterráneo.
Aproveitando a celebración da Mostra de Cine Cubano en Galicia e dado que Santiago aportou en varias ocasións a súa música a películas tanto cubanas coma arxentinas, como coa súa canción Despojo que é o tema principal da película La pared, o venres 9 de maio a sala da SGAE ARTeria Noroeste acollerá o acto de apertura da Mostra cunha actuación súa, acompañado polo percusionista Kiki Ferrer. Tratarase dunha ocasión única de escoitalo antes da súa visita a Compostela, prevista na súa xira española para o mes de xuño.