AS ENTRADAS PARA O FESTIVAL DE CANS PÓÑENSE Á VENDA ESTE VENRES ÁS 20:00 HORAS NO LOCAL SOCIAL DE CANS

14 / 05 / 2008

O Festival de Cans pon á venda 480 entradas que permiten acceder ás salas nas que o sábado 24 de maio se proxectan as curtas a concurso. Será este venres 16 de maio no Local Social de Cans (O Porriño) ás 20:00 horas. A entrada ten un prezo de 6 euros. Cada persoa pode adquirir dúas entradas como máximo, e non se admiten reservas.

As 480 entradas que se poñen á venda o venres súmanse ás 120 que este luns se despacharon desde a web www.festivaldecans.com, en packs de entrada + camiseta. Eses packs agotáronse antes das 10:00 horas da mañá do mesmo día no que se iniciou a reserva por Internet.

Na web poderán reservarse un máximo de dous packs por persoa, ao prezo de 14 euros cada conxunto de entrada máis camiseta. Eses packs recolleranse o sábado 24 de maio no punto de información do torreiro de Cans, entre as 11:00 e as 14:00 horas. As que non se recollan nese horario, poranse á venda no mesmo punto a partir das 15:30 horas. Para recoller as entradas é necesario presentar o NIF.

As entradas dan dereito a acceder ás salas nas que se proxectan as curtas a concurso (12 de ficción e 6 de animación). En total son 8 salas: a Casa do Pato, o Cuberto de Antonio, o Cuberto de Chelo, o Baixo do Alfonso, a Casa de Bugarín, a Casa de Carreira, o Baixo do Moncho e a Casa de Mari. Cada persoa percorre 4 destas salas para ver en 4 horas de proxeccións todas as curtas a concurso. Segundo o número do ticket, débese seguir unha orde para así poder entrar en todos os alpendres.

A Asociación Cultural Arela, organizadora do certame, lembra que o resto das actividades do festival son gratuítas, polo que non se precisa entrada para asistir. Non é necesario para ningunha das actividades do mércores, o xoves, o venres nin o sábado pola mañá. E o mesmo sábado pola tarde, o festival conta cunha ampla programación de actividades alternativas gratuítas. Pódese asistir sen ticket ás proxeccións de longametraxes e documentais, ao Jalpón Friki e a Sala Multiusos, á Canastro Experience, todos os concertos, o Coloquio na Leira, o concurso de videoclips, etcétera.

Categoría: Noticias
Etiquetas: