O director pontevedrés Mario Iglesias, presentará hoxe xoves a rodaxe da súa nova longametraxe, “Relatos”. O acto terá lugar ás 12´00 do mediodía no salón de plenos do Concello de Pontevedra coa participación da Conselleira de Cultura Ánxela Bugallo.
Á presentación asistirán o director Mario Iglesias e o productor executivo da longametraxe Daniel Froiz (Matriuska Producciones), que voltan a traballar xuntos, despois do éxito acadado con “De Bares”. Nesta nova historia, gravada coa calidade HD, afonda no universo das emocións humanas.
“Relatos” conta a historia de Rosario Francesc, unha escritora ama de casa, de vida completamente convencional, que visita a un psicoterapeuta porque sufre episodios de pánico nocturno. O psicoterapeuta confróntaa co feito da súa propia aceptación como escritora, e polo camiño van aflorando cuestións como medos e culpas. Seus contos exploran o mundo que a rodea máis alá dos seus pequenos problemas e acompañan en paralelo a propia historia de Rosario.