Os primeiros traballos xa están chegando ó Liceo Casino de Vilagarcía, que organiza este festival dende 1972. Nesta trixésimo sexta edición agárdase superar a cifra de 500 curtametraxes inscritas na sección competitiva. O prazo de presentación permanecerá aberto ata o 15 de setembro. Admítense pezas audiovisuais de tódolos xéneros, sempre que teñan sido realizadas con data posterior ó 1 de xaneiro de 2007 e non superen os 25 minutos de duración.
O festival recoñecerá a calidade das curtametraxes premiadas cun total de 8 galardóns e máis de 15.000 euros, establecendo as seguintes categorías:
PREMIO AO MELLOR AUDIOVISUAL : No que se establece un primeiro e un segundo premio.
PREMIO GALICIA: concederase á mellor curtametraxe cuxa versión orixinal sexa en lingua galega.
PREMIO ESPECIAL ANIMACIÓN: concederase á mellor curtametraxe de animación calquera que sexa a técnica empregada.
PREMIO ESPECIAL DO PÚBLICO: será concedido polo público asistente ás proxeccións que se realizarán durante os días do festival.
PREMIO LICEO CASINO: Concederase á mellor curtametraxe realizada por un director/a da comarca do Salnés.
DOUS NOVOS PREMIOS
O certamen crea ademais nesta edición dous novos premios. O premio Novos Realizadores onde os estudantes das facultades e escolas de audiovisuais galegas teñen a oportunidade de dar a coñecer os seus traballos máis recentes e o Premio Especial do Xurado.
PREMIO NOVOS REALIZADORES: Poderán presentar as súas curtas os/as alumnos/as que cursen estudos ou os cursasen á hora de realizar o traballo presentado a concurso- nun centro galego de ensino especializado (Facultades de comunicación audiovisual, Escolas de Imaxe e Son, Escolas Superiores de Cine e semellantes)
PREMIO ESPECIAL DO XURADO: Será concedido polo xurado atendendo a distintas motivacións (guión, interpretación, fotografía, etc.) debendo mencionar os motivos que fan á curtametraxe ou persoa merecedores do mesmo.
Tanto as bases de participación como a ficha de inscrición están dispoñibles na web: