ESTREA DO DOCUMENTAL CAL VIVA, CAL MORTA, A DERRADEIRA FESTA

3 / 09 / 2008

O xoves, 11 de setembro, no Teatro Principal de Santiago de Compostela (Rúa Nova), ás 21 horas, vai ter lugar a estrea en Santiago da película documental CAL VIVA, CAL MORTA, A DERRADEIRA FESTA, de Mariano Casas e Duarte Fernández.
Esta peza documental, de 48 minutos de duración, é unha interesantísima ollada á vida dos derradeiros caleiros, supervivintes ata fai pouco dun milenario oficio, xa obsoleto na forma en que se facía, que consiste en cocer pedra caliza durante días nunha enorme chimenea, obtendo así cal, que supuxo unha incipiente industria da que viviu moita xente na zona da Mariña Central.

Os últimos caleiros, homes xa octoxenarios, queren celebrar unha derradeira queima, que sirve para que o oficio do que viveron eles e os seus antepasados non morra con eles. Esa queima vai ser unha gran festa na que a xente de Masma (Mondoñedo) contará en primeira persoa o que foi este vello oficio para eles.

O documental conta co apoio da Cosellería de Cultura e xa foi estreado en Mondoñedo e en Ourense, sendo o 11 de setembro a primeira proxección na capital de Galicia.

Categoría: Noticias
Etiquetas: