TURISMO DE SANTIAGO ACHEGARÁ AS CURTAMETRAXES A 540 PERSOAS MAIORES DE TODA GALICIA

17 / 09 / 2008

O Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto ten entre os seus obxectivos achegar as curtametraxes a diferentes colectivos que tradicionalmente están moi alonxados desta arte. Entre estes colectivos está o das persoas maiores.
Con esta premisa, o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias , acompañado da Secretaria Xeral de Benestar, María Xesús Lago, presentaron no Pazo de Raxoi de Santiago de Compostela o programa “As grandes curtas”. Trátase dun proxecto no que o elemento central será unha proxección de curtametraxes seleccionadas especificamente para o colectivo de persoas maiores, pero no que tamén se farán distintas actividades en Santiago de Compostela, o que permitirá que os asistentes pasen un día diferente e disfruten dun interesante programa na capital de Galicia.

O programa está composto por unha escolma de sete curtametaxes, seleccionadas especialmente para persoas maiores. Partindo dunha desenfadada comedia sobre o sexo na terceira idade (“La primera vez” de Borja Cobeaga) , Curtocircuíto propón unha viaxe por diferentes temáticas e formatos, na que terán cabida o fútbol (“Temporada 92- 93” de Alejandro Marzoa), os netos (“As de corazones” de Silvia González), a felicidade (“Un hombre feliz” de Isabel Lucina Gil), a soidade (“Mata rel tiempu” de Santos Hevia), a lingua (“Good night mon ami” de Algarabía Animación) e o amor (“El puzzle” de Belén Macías). Unha escolma que quere achegar dun xeito interesante as curtametraxes ás persoas maiores.

Durante nove días de outubro, novembro e decembro, grupos de 60 persoas maiores visitarán Santiago. Un autobús recolleraos en centros de toda Galicia para achegalos a Compostela onde, despois de asistir á proxección de curtas no Teatro Principal, xantarán nun restaurante da cidade e farán un percorrido turístico adaptado para eles. Un autobús devolveraos ás súas cidades ao final da xornada.

Esta actividade comezará o 17 de outubro, cando se inaugura a Semana Oficial do Festival que rematará o 24 de outubro.

Categoría: Noticias
Etiquetas: