EMPRESAS DO CLAG ACADAN PREACORDOS INTERNACIONAIS DE EMISIÓN E DISTRIBUCIÓN NO MIPCOM DE CANNES

20 / 10 / 2008

As empresas do CLAG remataron o pasado venres a súa participación no MIPCOM de Cannes cun balance positivo, tanto polos contactos establecidos, como polos preacordos de negocio acadados ao longo desa semana. Preacordos para a distribución de películas, a emisión de contidos ou desenvolvementos tecnolóxicos foron algúns dos que resultaron máis interesantes para as compañías do CLAG.
MIPCOM foi tamén o escaparate para o visionado de formatos cross media e contidos para móviles e Internet e para múltiples conferencias, como a pronunciada por Chud Harley, fundador de Youtube. Como denominador común, todas as firmas asistentes destacan a dinámica de colaboración que xeneran estas iniciativas do Clúster nunha dobre dirección, xa que por unha banda propicia a cooperación entre as propias empresas galegas asociadas e, por outra, sirve de plataforma para favorecer a internacionalización das compañías.

Entre as operacións comerciais levadas a cabo no MIPCOM, Adivina Producciones agarda que fructifiquen en breve catro acordos para a emisión de “Vida de familia” e “Mentindo á vida” e para a distribución de “Eco dun sentimento” e “Non me deixas en paz”. Tamén vislumbra posibles colaboracións para desenvolvementos tecnolóxicos orientados á posta en valor da alta definición. Isabella Audiovisual acadou un acordo con Factualtv.com, para distribución dixital do seu catálogo de documentais en todo o mundo, en dúas modalidades, video baixo demanda –streaming- e descarga en propiedade –download to own-. Preve, asemade, poder incorporar no prazo dun ano os diferentes novos modelos de negocio de financiación e distribución que se están aplicando en Europa.

CTV S.A., en colaboración con TVG, ampliou o seu acordo con Distraction Format, para novas emisións do formato “Arre demo” e valora, especialmente, a grande oferta internacional de producións destinadas aos nenos. Continental Producciones destaca o interese de varias distribuidoras para a venda de dereitos da miniserie “Conneçao” no resto do mundo; ofertas de dúas grandes produtoras de miniseries interesadas en “Idealistas baixo as balas” e interese dunha canle de Tv española por “Cálico electrónico”. Grupo SeteMedia-TVSiete destaca dos seus contactos os mantidos con compañías australianas, que poderían estar interesadas na longametraxe documental “Polo amor de Joh”.

Voz Audiovisual, de cara á próxima emisión da súa TDT, estableceu contactos con proveedores nacionais e internacionais de produción allea. Como unha das principais conclusións do MIPCOM, destaca que se aprecia unha nova e acusada tendencia que vai cambiar as prácticas habituais, sustituíndo a xeralizada compra de paquetes de produción a longo prazo, por sistemas moito máis flexibles e versátiles, a prezos moito máis competitivos e máis acordes co mercado.

Bren Entertainnent, de Filmax, apunta serias probabilidades para a venda de formatos de programas televisivos a dúas empresas. Interacción conclúe tralo MIPCOM que o futuro pasa por contidos máis personalizados, compartidos e fragmentados, e destaca as novas experiencias televisivas nas que se explora a participación e contidos xerados polo usuario. Entre as conclusións, que os anunciantes deben integrarse dun novo xeito, participando inicialmente nos proxectos.

Pola súa banda, Dygra Films valora positivamente os numerosos contactos con canles de Tv europeas e con potenciais coprodutores tanto europeos, como asiáticos, para os seus proxectos de series de Tv para público familiar.

A delegación de empresas do CLAG estivo composta Adivina Producciones, Dygra Films, Interacción, Filmax, Xamalú Filmes, Isabella Audiovisual, Voz Audiovisual, CTV S.A, Filmanova, Ficción Producciones, Continental, TVG, Perro Verde Films, Grupo Setemedia e Cinemar Films.

O MIPCOM é o festival de contidos audiovisuais máis importante do mundo e o CLAG participou nel este ano por primeira vez, consolidando así uhna das líñas de actuación estratéxicas que pasa por poñer a disposición das súas empresas asociadas unha plataforma útil para a súa internacionalización e para a promoción da marca ‘Galicia Audiovisual’. A cita en Cannes foi a terceira da axenda internacional do CLAG este ano, tras participar en Postdam e Amsterdam.

Categoría: Noticias
Etiquetas: