PRESENTACIÓN DE CURTAS GALEGAS NO CGAI

8 / 01 / 2009

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI, rúa Durán Loriga, 10 baixo) proxecta mañá venres día 9 de xaneiro (23.00 horas) as curtametraxes galegas FUNERAL AFÓNICO (2008) de Rubén Domínguez e OS SEÑORES DO VENTO (2008), dirixida polo historiador e programador do certame galego-portugués Filminho Xurxo González. O acto contará coa presenza dos seus propios autores. A entrada é gratuíta.
FUNERAL AFÓNICO
(España, 2008)
Dirección, guión e fotografía: Rubén Domínguez. Intérpretes: Laura Domínguez, Eva Rodríguez, Doa Ocampo. Duración: 21 minutos
Nova sae de traballar. Camiña cara á casa. Atopa un espello, e logo o de sempre: as mesmas situacións que se repiten unha e outra vez pero desta volta cun ollar distinto. Océanos de mentiras que se superpoñen para desembocar finalmente nunha tolería colectiva e ao tempo individual onde afloran todos os seus verdadeiros sentimentos afectivos.

OS SEÑORES DO VENTO
(España, 2008)
Dirección, guión e producion: Xurxo González. Duración: 10 minutos
A actividade creativa máis importante do concello da Guarda na última década está realizada por un grupo de homes maiores. Eles son «os señores do vento», os responsables dunha instalación na que se combina a intervención na paisaxe (como se fora unha obra de Land Art) e a arte cinética. Eles son os encargados de que o movemento ás botellas non cese…

Categoría: Noticias
Etiquetas: